O candidato á alcaldía do Partido Popular no Incio, José Álvarez, asegurou esta mañá que as declaracións vertidas pola alcaldesa socialista, Lara Celeiro, e pola vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, son unha mostra clara de “cinismo e hipocrisía”, a través das que demostran o seu “total descoñecemento sobre as necesidades do municipio” e que “non hai un proxecto razoable e viable respecto da Casona do Incio.
Mentiras
Álvarez asegura que “non se pode mentir desta maneira impunemente” e lémbralles ás dúas “que foron os socialistas os que abandonaron a Casona e non os populares como queren facernos ver”. “Parecen ter un problema importante de memoria”, matiza.
Esta edificación foi adquirida polo ente provincial baixo o Goberno do PP en abril do 2007, concretamente no pleno de 2 de abril de 2007 aprobouse definitivamente o expediente de expropiación. “Tan só dous meses despois, os socialistas acceden ao goberno da Deputación”. Polo tanto, “é indecente que realicen estas declaracións e que falen de sacar adiante unha actuación urxente sobre a edificación. A Casona do Incio permaneceu no máis absoluto abandono durante os oito anos de goberno de socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo”.
A onde foi parar o diñeiro orzamentado?
Durante estes anos socialistas e nacionalistas non investiron “nin un só euro na Casona do Incio” a pesares de presupostarse anualmente, entre 2008 e 2011, 562.000 euros para esta edificación, e 50.000 euros anuais ata o 2014. “Habería que preguntarlle á sra. Alcaldesa e máis á sra. Vicepresidenta a onde foi a parar ese diñeiro”
O candidato do Partido Popular tamén lembra as declaracións de Laura Celeiro en novembro do 2011 nas que amosaba unha “confianza cega” para que a rehabilitación da Casona do Incio se rematase neste mandato. “A estas alturas, a edificación, segue como estaba, ou mellor dito peor ca estaba, con ventás rotas, tellado caído, e rodeada de lixo. Como ven, con estes antecedentes, estas persoas e as súas declaracións carecen de toda credibilidade”.
Desconfianza
Os populares piden un proxecto razoable e viable para esta edificación e agardan “non estarmos ante un exercicio propagandístico dada a proximidade das eleccións. Non nos sorprendería que logo de 8 anos de pasividade absoluta, ante a proximidade das eleccións, levaran a cabo só calquera pequena actuación para facer ver que se fai algo”.
Descoñecemento e despreocupación
A despreocupación dos socialistas amosase tamén en que dende o 2008 Besteiro “negouse a recibirnos para tratar sobre a situación do inmoble”.
A maiores, José Álvarez critica o descoñemento absoluto da alcaldesa sobre o municipio. “Non sabe, nin lle interesa, que no Concello de O Incio xa existe un Centro de día, integrado na Residencia da terceira idade, e que igualmente hai 3 Centros de Usos Múltiples, un no propio edificio do Concello, outro na Residencia da terceira idade e outro a punto de rematarse nas novas vivendas sociais.” Polo tanto, “isto demostra que non hai absolutamente ningún proxecto razoable e viable respecto da edificación nin tampouco importa, pois o único que é isto, é un novo exercicio propagandístico ante a proximidade das eleccións”.