Partido Popular de Lugo

O PP de Mondoñedo urxe actuacións do Concello e da Deputación para mellorar a seguridade en vías de Lindín

Mondoñedo, 19 de marzo de 2015.- O Partido Popular de Mondoñedo pedirá durante a celebración dos próximos plenos municipal e provincial, que o Concello e a Deputación realicen actuacións en estradas da parroquia de Lindín, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria.

En concreto, os populares instan ao Concello a que acometa obras no camiño municipal do lugar de Chao da Bouza, onde se produciu un derrubamento de terras. A maiores, piden que a Deputación coloque vallas quitamedos nas curvas máis perigosas da estrada provincial LU-P-3103.

Deste xeito, o Partido Popular de Mondoñedo dálle traslado ás peticións que lle transmitiron os veciños durante a reunión que mantiveron con eles esta semana en Lindín. A solicitude dos populares correspóndese coas reivindicacións dos veciños, polo que urxen que as administracións responsables atendan na maior brevidade posible ás queixas dos usuarios destas dúas vías.

Camiño municipal

O Partido Popular de Mondoñedo rexistrou unha moción para o seu debate no próximo pleno municipal a través da que insta ao Concello de Mondoñedo a que acometa as obras necesarias no Camiño do Chao da Bouza (Lindín), coa finalidade de sanear o derrubamento de terras sufrido nesta localización.

Os populares explican que as pozas de auga que se dan neste punto xunto ao derrubamento de terras incrementan a inseguridade, polo que, segundo aseguran, “é necesario que, de xeito inmediato, se restableza o bo estado neste camiño municipal, e máis cando se trata dunha pista de servizo moi frecuentada tanto polos veciños como por outros usuarios, como é o caso, das persoas que practican caza”.

Estrada provincial

A estrada LU-P-3103, que comunica Lindín, por Santa María Maior, tamén presenta puntos moi perigosos, dado o seu trazado sinuoso con curvas moi pronunciadas. Esta situación provocou saídas de vía.

Así, os populares municipais pídenlle á administración responsable, a través do rexistro dun rogo, que coloque vallas quitamedos, para garantir unha mellor seguridade.