Mondoñedo, 18 de marzo de 2015.- O Partido Popular de Mondoñedo urxe que o Concello restableza de xeito inmediato o servizo de recollida de lixo na parroquia de Couboeira.
Os populares fanse eco das queixas dos veciños afectados, que levan dende o día cinco deste mes sen que o camión de recollida de lixo municipal realice a súa función nesta parroquia mindoniense.
Esta situación está a provocar incomodidades aos veciños, ao acumularse o lixo ás portas das súas vivendas, nos contedores e no seu exterior, o que está a provocar unha “penosa imaxe”.
Os populares locais consideran que esa situación é un “atropelo” aos veciños desta parroquia que están a pagar por un servizo que non está a ser prestado de xeito óptimo pola administración local.
Así, dende o Partido Popular de Mondoñedo piden explicacións ao goberno local ademais de reiterar a solicitude de que de xeito inmediato se restableza este servizo na parroquia de Couboeira.