Pol 17 de marzo de 2015.- Un Concello endebedado e unha situación ao borde do precipicio que ten en vilo aos polenses e a todos eses empresarios que fixeron o seu traballo e que a día de hoxe non cobraron. Un contexto que causa unha forte preocupación nas ringleiras populares e que levou a súa presidenta, María Ángeles Lenza, a rexistrar a solicitude dun pleno extraordinario para que o rexedor, responsable de toda esta situación, explique aos veciños e veciñas de Pol o estado de endebedamento no que se atopa o concello.
A popular denunciou que existen facturas sen pagar cuxa contía económica oscila entre os 400.000 euros, algo polo que urxiu ao rexedor a facer públicas e por escrito as cantidades que lle adebeda aos diferentes empresarios, indicando a anualidade á que pertencen. Asemade tamén pediu ao alcalde que faga público a listaxe de facturas, englobadas dentro dos case 400.000 euros, que están pagadas a día de hoxe.
Así as cousas, Lenza López instou a Lino Rodríguez a abonar as facturas pendentes de pago seguindo un criterio cronolóxico, ordenado e obxectivo, rexeitando totalmente o pago segundo a súa conveniencia e os seus intereses escuros e a regularizar a situación laboral dos traballadores que durante dous meses deixaron de percibir os seus soldos. Neste senso, pide que non volva a acontecer esta situación porque é algo moi grave.
Con isto, a presidenta dos populares de Pol, suplica ao rexedor que aparque o escurantismo e faga inmediatamente un exercicio de transparencia, posto que é a súa obriga, e explique aos polenses, no pleno extraordinario, esta situación de endebedamento na que está inmersa o concello.