Partido Popular de Lugo

O GPP vota en contra das contas da Fundación TIC do 2014

Lugo, 17 de marzo de 2015.- O representante do Grupo Provincial do Partido Popular na Fundación TIC, José Pardo Lombao, non apoiou esta mañá a aprobación das contas da entidade correspondentes ao período 2014. Os populares votaron en contra ao non dispoñer da documentación suficiente que lles permitise analizar e estudar as contas anuais.

O GPP asegura que se está ante un novo exemplo de obstáculo imposto dende a Deputación e no que se lle limita o acceso á información.  En escrito de 3 de outubro de 2014, os populares solicitan acceso ás nóminas e facturas da Fundación TIC durante a anualidade 2014.

En resposta, a través de escrito con data 16 de outubro de 2014, dende a Fundación TIC expoñen que “na sesión do Padroado da Fundación TIC, no primeiro trimestre do ano 2015, aprobaranse as contas anuais, na que se achega toda a documentación solicitada e que vostede, na súa condición de membro do Padroado, terá a súa disposición”.

Tras celebrarse a sesión do Padroado da Fundación TIC esta mañá, entre os expedientes coa documentación á disposición do patrono representante do PP non figura a relación de nóminas nin de facturas da entidade durante a anualidade 2014, incumpríndose deste xeito a contestación dada no seu día pola Fundación TIC.

Os populares consideran “moi preocupante” que se lles oculte a listaxe de facturas e nóminas, cuxa petición se reiterou hoxe de novo, a maiores de presentar un queixa ante o Valedor do Pobo, na que solicitan a súa intervención a fin de que os dereitos constitucionais dos populares sexan respectados.