Lugo 15 de marzo de 2014.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, informou esta mañá, que o Valedor do Pobo admitiu a trámite a queixa dos populares logo das trabas interpostas por Gómez Besteiro á hora do acceso á información.
“Esta queixa foi interposta polos continuos obstáculos do goberno bipartito, presidido por José Ramón Gomez Besteiro, no que atinxe a concesión do acceso ás solicitudes de información do Grupo Provincial Popular”- lembrou Candia.
Os populares solicitaron a intervención do Valedor do Pobo recomendando á Deputación de Lugo que facilite aos deputados o rápido acceso á información, que, “necesitamos para o correcto exercicio da nosa función representativa, da nosa obriga de fiscalizar á acción do goberno, para poder desempeñar o cargo e as funcións que os lucenses nos encomendaron e a fin, polo tanto, de que os nosos dereitos constitucionais deixen de estar pisoteados e sexan respectados”. -sentenciou.
Máis da metade dos expedientes solicitados están pendentes de ver
En correspondencia coa súa función de fiscalización e control da acción do goberno, ao PP provincial non se lle permitiu ver máis da metade dos expedientes solicitados entre os anos 2014-2015, algo que evidencia que os socialistas e nacionalistas están a dificultar, dun xeito deliberado e consciente, o acceso á información, documentación e instrumentos necesarios para os deputados da oposición”
Menten ao asegurar que responden nun prazo de cinco días
A voceira do GPP, Elena Candia afirmou que o grupo popular viuse na obriga de reiterar moitos dos escritos pendentes, sen ser atendida a súa petición a data de hoxe e a maiores sen solventar as súas solicitudes nun prazo de cinco días (segundo impera o Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación), tal e como menten reiteradamente dende o goberno provincial”.
A popular aclarou que “en cinco días remítennos un escrito dende a Sección de Actas no que simplemente nos comunican se a solicitude é admitida ou denegada e que nos empezaron a enviar despois de que nos cansaramos de rexistrar reiteradamente escritos nos que explicabamos que, tal e como establece o ROF, entendiamos concedida a petición por silencio administrativo”.
O Valedor suxeriu á Deputación unha maior transparencia
Elena Candia lembra que o Valedor do Pobo xa lle suxeriu a Besteiro que mellorara a súa práctica no terreo da transparencia tras outra queixa presentada polos populares a raíz de que o goberno provincial encriptara as facturas nos Decretos de Presidencia, eliminando o concepto en virtude do cal se realizan as liquidacións.
“A día de hoxe a Deputación segue a desoír ao Valedor do Pobo e continua a limitar o acceso á información como castigo”, explicou Candia, quen enumerou que “tras denunciar o pago de comidas a sindicalistas, o bipartito oculta o concepto das facturas e tras facer público o procedemento de alleamento das accións do Breogán, o goberno provincial limitounos o acceso aos expedientes dos asuntos das Xuntas de Goberno”.
Polo tanto, o Grupo Provincial Popular reclama unha mellor práctica no terreo da transparencia por parte do goberno provincial que “de xeito continuado nos pon cortapisas inxustificadas e que foron a máis no último ano tras facer públicas informacións sobre a mala xestión do bipartito e que puidemos constatar a través da consulta de documentación á que temos dereito e que agora nos recortan”.