Lugo, 13 de marzo de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular, preocupado polo proceso de selección do programa Ben Empregado, asegurou esta mañá que permanecerá vixiante para evitar que se podan chegar a atropelar os dereitos dos desempregados. Os populares observaron feitos que os levan a sospeitar da posible existencia dun procedemento de selección viciado no Programa Ben Empregado.
Os populares explicaron que o equipo bipartito da Deputación, durante a selección das entidades beneficiarias, modificou os baremos de puntuación das solicitudes unha vez finalizado o prazo de presentación e examinadas as mesmas. É dicir, “modificaron as regras do xogo unha vez repartidas a cartas” e, polo tanto, recoñecida tamén a repercusión sobre as solicitudes estimadas “máis amigables”.
Improcedencia de efectuar unha corrección de erros
Os populares explicaron que a través dunha corrección de erros, aprobada en Decreto de Presidencia de data 19 de febreiro, o goberno bipartito provincial modifica os criterios de valoración das solicitudes. As entidades con domicilio social en poboación de menos de 5.000 habitantes pasan de puntuarse con 5 puntos a facelo con 10 puntos.
Os populares criticaron a improcedencia de efectuar unha modificación sobrevenida das bases a través da técnica da corrección de erros, xa que no presente caso non hai ningún erro de transcrición nin de equivocación.
O GPP tamén fixo fincapé en que se pode estar ante unha situación premeditada da Deputación. En Xunta de Goberno de 19 de decembro de 2014, apróbanse as bases, que non aparecen transcritas na acta de celebración deste órgano de goberno, unha circunstancia que permite a posterior modificación das bases sen deixar rastro e argumentando un error de transcrición.
Perfís
As sospeitas dos populares sobre o procedemento seguido pola Deputación no programa Ben Emprego tamén derivan da análise dos perfís requiridos. Dende o Grupo Provincial do Partido Popular explican que as condicións esixidas para varios dos postos son moi restritivas e pechadas con peticións moi concretas, o que implica que moi poucos desempregados poden reunir eses perfís descritos.
Así, tras estas circunstancias os populares reiteraron que se manterán vixiantes para que a Deputación Provincial de Lugo garanta os dereitos dos parados.
Dende o Grupo Provincial do Partido Popular defenden todo tipo de iniciativa dirixida a loitar contra o desemprego, pero critican que se poda chegar a utilizar aos parados con fins electoralistas.
Prácticas anteriores
As sospeitas dos populares incrementáronse tras recordar as prácticas anteriores do goberno bipartito provincial na elaboración e posta en marcha de plans de emprego. O Plan Lugo Emprega foi tombado polo TSXG por facer unha selección á carta; o plan de emprego do 2013 rexíase por unhas bases excluíntes que discriminaron a nove de cada dez parados; e mesmo os cursos de formación non están homologados.