Santiago, 12 de marzo de 2015.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Ángel Camino Copa, animou a Xunta de Galicia a continuar multiplicando os apoios ao sector da apicultura, así como a proxectos industriais e de emprendemento que, en relación co mel e outros produtos derivados do traballo das abellas, existen ao longo da xeografía de Galicia.
Así o asegurou o deputado durante a súa intervención na Comisión de Agricultura e Montes do Parlamento de Galicia, máis en concreto, no transcurso do debate dunha pregunta parlamentaria -que asinaba este deputado xunto ao popular Jose Manuel Balseiro- e na que se interesaban polas liñas postas en marcha pola Consellería do Medio Rural e do Mar en apoio deste sector.
Camino valorou moi positivamente a resposta ofrecida pola directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, quen confirmou que, para este 2015, hai un orzamento inicial de 400.000 euros en axudas para o fomento de actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura.
Tamén dixo que poderán ser beneficiarios das mesmas os titulares de explotacións apícolas; así como as cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia.
Estes non son os únicos apoios dispoñibles xa que na súa resposta Patricia Ulloa tamén destacou que existen outras axudas como as tramitadas á IXP Mel de Galicia; as axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria dentro do sector da apicultura; e as axudas dentro das medidas de Agroambiente e clima e Agricultura ecolóxica, previstas no PDR de Galicia 2014-2020
UN SECTOR IMPORTANTE EN ALZA
Camino Copa, fixo mención á zona na que reside (o centro e sur lucense) para exemplificar a importancia crecente deste sector, xa que hai múltiples exemplos de actividade vinculada á produción de mel e de pole ecolóxicos. “E de feito, hai innumerables colmeas distribuídas por todos os concellos e existen empresas incluso, que exportan preto do 90% da súa produción”
O deputado puxo como exemplo desta actividade á firma Pazo de Lusío Meles Anta que posúe un centro de extracción e envasado na provincia de Lugo, e que só no ano 2014 recolleu e elaborou máis de 200.000 quilogramos de mel. “Subministra non só aos centros de El Corte Inglés en España, senón tamén a Inglaterra e Francia mel ecolóxico, a Arabia, Estados Unidos, Bélxica e Holanda, pole; e a Alemaña o mel convencional; sen destacar ampliar horizontes ata os países asiáticos”.