Partido Popular de Lugo

Elena Candia, candidata do Partido Popular á Alcaldía de Mondoñedo

Lugo, 12 de marzo de 2015.- Elena Candia López será a candidata do Partido Popular á alcaldía de Mondoñedo. Así o anunciou esta mañá o líder dos populares lucenses, José Manuel Barreiro, quen describiu á alcaldable como unha persoa “preparada, moi traballadora, responsable e honesta”.

“TEMOS UN PROXECTO PARA A CIDADE”

Pola súa banda, a popular comprometeuse a seguir traballando polos seus veciños e intentar desbancar ao bipartito do goberno local para situar a Mondoñedo onde se merece.

Candia sinalou que os populares mindonienses teñen un proxecto para a cidade, deseñado a impulso e a iniciativa dos propios veciños, que aspiran a recuperar o protagonismo perdido polo Concello.

Sinala tamén que Mondoñedo, cunha xestión municipal máis acertada, pode liderar iniciativas en ámbitos tan importantes como o turismo, o emprego, os servizos sociais ou a potenciación do rural.

AMPLA EXPERIENCIA

Cómpre poñer en valor a formación e experiencia desta avogada, experta en xestión administrativa que dispón ademais dun master en administración local.

Natural de Mondoñedo, onde naceu en 1978, forma parte da Corporación Municipal desde fai doce anos. A nivel local foi edil delegada de servizos sociais e promoción de emprego entre os anos 2003 a 2007. Dende o 2007 exerce de voceira do Grupo Municipal e dende o 2008 de presidenta do Partido Popular de Mondoñedo.

Candia exerce tamén como voceira do PP na Deputación de Lugo e, en calidade de vicesecretaria, pertence á executiva provincial e autonómica dos populares.