Lugo 11 de marzo de 2015.- O candidato do PP á alcaldía de Navia de Suarna, Jesús Manuel Fernández López (Suso de Navia) anunciou esta mañá a persoa que ocupará o posto número dous na lista de cara ás eleccións municipais que terán lugar o vindeiro 24 de maio.
Trátase de Rosa Corral Regueiro, unha santiaguesa de 41 anos, que logo de contraer matrimonio cun naviego, deixou a capital galega para facer camiño neste municipio da provincia lucense.
A popular, quen colaborou dende sempre co partido pero non figurou nunca nas listas nin en postos da executiva, ten unha amplísima experiencia na xestión dos recursos públicos vinculados ás políticas activas de emprego, nas áreas de desenvolvemento laboral, benestar, formación e emprendemento e ten participado activamente en numerosos órganos consultivos e comisións durante os diferentes Gobernos da Xunta de Galicia en materia de educación, económico e social, formación e emprego e relacións laborais. Actualmente rexenta, xunto ao seu home, un proxecto empresarial de produción e comercialización de mel.
O alcaldable mostrou a súa ledicia por poder levar na súa lista a persoas como Rosa, da que destacou a súa seriedade, honestidade e capacidade de traballo.
Pola súa banda, a número dous agradeceu ao candidato a confianza depositada na súa persoa e dixo afrontar este acometido con moita ilusión e moitas ganas. Comprometeuse a traballar, cóbado con cóbado, con Jesús Manuel Fernández co fin de recompensarlle a tódolos veciños do Concello de Navia de Suarna o seu esforzo e tesón na conservación e mantemento da gran cantidade de recursos naturais, patrimoniais- artísticos e agro alimentarios cos que conta a zona e por en valor todos estes recursos para que revertan no crecemento do concello e benestar dos seus veciñosco obxectivo de facer rexurdir un concello que se atopa nunha situación de total abandono.