Lugo, 11 de marzo de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, dixo esta mañá que “por fin a Deputación de Lugo se decide a actuar” sobre as estradas da súa titularidade que, na súa gran maioría, presentan “un pésimo estado de conservación e de mantemento derivado dunha mala xestión da Área de Vías e Obras”.
Candia que dá a benvida a calquera tipo de actuación que implique melloras nas estradas provinciais, lamenta tamén que o plan anunciado polos socialistas se trate “só dun anuncio de intervencións básicas, como é o de tapar baches”.
O Grupo Provincial do Partido Popular de xeito continuado, a través de escritos ou de iniciativas plenarias, está a trasladar á Deputación reivindicacións de veciños e de alcaldes sobre a necesidade de acometer obras de melloras en vías de titularidade provincial. “Moitas destas estradas necesitan actuacións maiores ca de tapar baches”. De todos xeitos, a popular reiterou que o seu Grupo se manterá vixiante ante as melloras de rebacheo que venderon os socialistas.
Por último, a voceira dos populares dixo que con estes anuncios de inversión nas estradas queda evidenciado o “atrevemento” dos socialistas. “Ninguén entende que, de ser certo o diñeiro que din dirixir ao arranxo de estradas, as vías provinciais continúen a presentar serias deficiencias que chegan a poñer en risco a seguridade cidadá. Estase ante unha mala xestión na área de Vías e Obras”.