Lugo, 06 de marzo de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular e o goberno local de Ourol rexistraron esta mañá un informe técnico que advirte da inseguridade para os usuarios que entrañan as estradas de titularidade provincial ao seu paso por este termo municipal. En concreto, o informe dá conta de importantes patoloxías que afectan á comodidade e seguridade tanto dos veciños como dos que transitan por estas estradas.
O goberno local e o GPP rexistraron o referido informe na Deputación, coa finalidade de que se teña en conta a súa advertencia e, en consecuencia, tanto o Grupo Provincial como a administración local reclaman á Deputación que acometa con urxencia as actuacións necesarias para restablecer o bo estado das estradas de titularidade provincial que discorren polo municipio.
En concreto o informe técnico municipal dá conta de que as estradas provinciais en Ourol presentan “patoloxías importantes, sobre todo baches e desintegración do firme e tamén observa falta de limpeza nas cunetas o que provoca que a auga invada a calzada acelerando o deterioro das vías”.
As estradas sobre as que a administración provincial é a responsable de realizar as labores de mantemento e conservación en Ourol son as seguintes: CP-3801 de Ourol por El Carmen a Las Lobeiras; CP-3802 de la LU-105 a Iglesia de Ourol; CP-3803 de Ponte Torta a Cruz das Leiras; CP-3804 de Belsar, por Soutochao a Viveiro; CP-3805 de Sixto, por Ambosores a Campo do Foxo; CP-3806 de Ourol a Sixto; CP-3807 de Bravos, por Foxo a San Pantaleón; CP-3808 de Foxo a Portapena; CP-3809 de Merille a Bravos; CP-3810 de Lama da Moa a Ponte Gromedoiro; CP-3811 de la CP-3804 a Xoan Branco; CP-6502 de Vilalba por A Balsa a Chavín e CP-6602 de Ruanova, por Sixto a Muras.
A mala xestión pode ter consecuencias graves para os usuarios
Deste xeito, os populares explican que este informe técnico reafirma as reiteradas denuncias públicas do Grupo Provincial do Partido Popular sobre o mal estado das estradas de titularidade da Deputación e que dende o GPP achacan a unha mala xestión. Os populares explican que a dotación pública dirixida á conservación de estradas non se reflexa no estado que presentan as infraestruturas viarias. Neste senso, os populares lamentan que un reparto de fondos sectario podería chegar a ter graves consecuencias para a integridade física dos usuarios.
Así, os populares aseguran que as estradas provinciais que discorren por Ourol son unha responsabilidade patrimonial da Deputación que non pode ser evadida e cando menos as institucións públicas deben non causarlles prexuízos innecesarios á cidadanía derivados das súas actuacións.