Lugo, 04 de marzo de 2015.- A voceira do Grupo do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, fixo público está maña en rolda de prensa o rexistro por parte do Grupo Provincial do Partido Popular dunha nova queixa ante o Valedor do Pobo, motivada polos continuos obstáculos interpostos polo goberno bipartito que preside José Ramón Gomez Besteiro na concesión do acceso ás solicitudes de información do GPP.
Os populares solicitan a intervención do Valedor do Pobo recomendando á Deputación de Lugo que facilite aos deputados o rápido acceso á información, que, -lembra- “precisamos para o correcto exercicio da nosa función representativa, da nosa obriga de fiscalizar á acción do goberno, para poder desempeñar o cargo e as funcións que os lucenses nos encomendaron e a fin, polo tanto, de que os nosos dereitos constitucionais deixen de estar pisoteados e sexan respectados”.
Máis da metade dos expedientes solicitados están pendentes de ver
En correspondencia coa súa función de fiscalización e control da acción do goberno, o Grupo Provincial do Partido Popular solicitou entre 2014 e 2015 acceso a 369 expedientes. Do total, aos populares non lle foron notificadas nin data nin hora para a consulta de preto das 200 solicitudes rexistradas. É dicir, “non se nos permitiu ver unha porcentaxe inadmisible de expedientes solicitados”.
Polo tanto e tal e como analizou a popular “o noso grupo ten pendente de ver preto de 200 solicitudes cando quedan 80 días para o remate da lexislatura, o que deixa claro que a Deputación non atenderá ás nosas peticións xa que, no caso de comunicarnos data e hora de consulta, só se nos concede un expediente por día, aínda que se trate dunha soa factura. Evidénciase que os socialistas e nacionalistas están a dificultar, dun xeito deliberado e consciente, o acceso á información, documentación e instrumentos necesarios para os deputados da oposición”.
Menten ao asegurar que responden nun prazo de cinco días
“Vímonos na obriga de reiterar moitos dos escritos pendentes, sen ser atendida a nosa petición a data de hoxe e a maiores non nos resolven as nosas solicitudes nun prazo de cinco días (segundo impera o Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación), tal e como menten reiteradamente dende o goberno provincial”.
A popular aclara que “en cinco días remítennos un escrito dende a Sección de Actas no que simplemente nos comunican se a solicitude é admitida ou denegada e que nos empezaron a enviar despois de que nos cansaramos de rexistrar reiteradamente escritos nos que explicabamos que, tal e como establece o ROF, entendiamos concedida a petición por silencio administrativo”.
“A realidade é que o equipo de goberno bipartito, -asegura Candia- retrasa ata meses no tempo a comunicación do día e da hora de consulta do expediente (no caso de trasladárnolo) dende que enviara o primeiro escrito no que admite ou denega a petición”. A Deputación ademais de limitar en gran medida a función de fiscalización propiamente dita “tamén impide a posibilidade de documentarse en tempo e forma con vistas a decisións a adoptar no futuro”. Así a voceira popular puxo como exemplo que lle comunicaron como data para ver as bases do Servizo de Axuda no Fogar o 6 de maio do 2014, cando se publicaran con moita anterioridade no BOP de 13 de marzo do 2014 e a petición dos populares rexistrárase o 7 de marzo de 2014.
O Valedor suxeriu á Deputación unha maior transparencia
A voceira do GPP lembra que o Valedor do Pobo xa lle suxeriu á Deputación de Lugo que mellorara a súa práctica no terreo da transparencia tras outra queixa presentada polos populares a raíz de que o goberno provincial encriptara as facturas nos Decretos de Presidencia, eliminando o concepto en virtude do cal se realizan as liquidacións.
“A día de hoxe a Deputación segue a desoír ao Valedor do Pobo e continua a limitar o acceso á información como castigo”, explicou Candia, quen enumerou que “tras denunciar o pago de comidas a sindicalistas, o bipartito oculta o concepto das facturas e tras facer público o procedemento de alleamento das accións do Breogán, o goberno provincial limitounos o acceso aos expedientes dos asuntos das Xuntas de Goberno”.
Polo tanto, os populares reclaman unha mellor práctica no terreo da transparencia por parte do goberno provincial que “de xeito continuado nos pon cortapisas inxustificadas e que foron a máis no último ano tras facer públicas informacións sobre a mala xestión do bipartito e que puidemos constatar a través da consulta de documentación á que temos dereito e que agora nos recortan”.