Partido Popular de Lugo

López Penabad lémbralle ao rexedor que Ribadeo recibe máis inversións directas do Goberno Galego que do Municipal

Ribadeo, 4 de marzo de 2015.- O presidente do PP de Ribadeo e candidato á alcaldía, Jesús López Penabad, criticou esta mañá o vitimismo do rexedor, Fernando Suárez, quen está continuamente queixándose de que a Xunta de Galicia dá as costas ao pobo cando a realidade é outra ben distinta.

O popular asegurou que Suárez engana aos veciños cando fala de falta de investimento da Xunta, xa que as cifras non dan marxe a ningún tipo de interpretación.  Así, lembrou  que o Executivo Galego aportou, nestes seis anos, 65,8 millóns de euros a Ribadeo,  unha media de 11 millóns de euros ao ano, e sen embargo o goberno local tan só investiu unha media de nove millóns en cada anualidade.

Con datos na man, Jesús López Penabad fixo unha comparativa entre a inversións autonómica e a local e para iso desglosou os orzamentos municipais dende o ano 2009 ata a actualidade.

2009 Orzamento: 8. 6 millóns de euros
2010 Orzamento: 9.1millóns de euros
2011 Orzamento: 10.3 millóns euros
2012 Orzamento: 9 millóns euros
2013 Orzamento: 8 millóns euros
2014 Orzamento 9 millóns de euros

Orzamento municipal total é de 54 millóns de euros

“Se comparamos esta cifra co investimento da Xunta (65,8 millóns), queda demostrado que a administración autonómica é que fixo un maior esforzo inversor no municipio”, explicou López Penabad. O popular engadiu, a maiores, que isto se dá “sobre todo tendo en conta que do total do orzamento municipal, non todo se dedica a investimentos, xa que gran parte vai para pagar gastos de persoal, entre eles o soldo do alcalde, mentres o 95% do orzamento da Xunta está dedicado a investimento, obras e servizos con destino concreto”.

Logo de dar conta da inversión directa da Xunta de Galicia e da local, queda demostrado que o municipio ribadense recibiu nestes seis anos máis contía económica do Goberno Galego que do municipal, polo que, o popular insta a Suárez Barcia a aparcar a demagoxia e vitimismo posto que ata o de agora non chegou, nin por asomo, a investir en Ribadeo o que investiu o Goberno de Feijoo.

Por último e con estas cifras, os populares instan ao alcalde a facer público tamén o investimento da Deputación de Lugo que “probablemente será moito menor”.