Partido Popular de Lugo

Balseiro e Medela salientan que nos últimos seis anos chantada recibiu un investimento de 53 millóns de euros da Xunta de Galicia

Chantada, 3 de marzo de 2015.- O deputado do Grupo Popular e secretario xeral do Partido Popular en Lugo, Jose Manuel Balseiro, acompañado do presidente e candidato do Partido Popular á Alcaldía de Chantada, Javier Rodríguez Medela, ofreceron esta tarde unha rolda de prensa na que salientaron que nos últimos seis anos Chantada recibiu un investimento de 53,2 millóns de euros da Xunta de Galicia.

Os populares aseguran que as cifras oficiais sitúan ao Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo como a administración que maior esforzo inversor realiza nesta localidade e demostran que o Executivo galego actúa “con independencia da cor política do alcalde de turno facendo fronte, con compromiso e determinación, ás necesidades reais dos veciños”.

Afondando nos datos ofrecidos desde o Grupo Popular explicaron que o investimento con destino concreto en Chantada superou os 8,34 millóns de euros, aos que habería que engadir 44,4 millóns máis correspondentes a partidas xenéricas achegadas á comarca de Chantada e territorializadas neste concello. En total, as achegas da Xunta permiten falar dunha media de case nove millóns de euros anuais de investimento, desde que Feijóo é presidente da Xunta.

PRINCIPAIS ACTUACIÓNS

Balseiro e Rodríguez Medela destacaron entre as partidas de maior contía as destinadas ao Fondo de Compensación Ambiental que deixou na localidade investimentos por case 400.000 euros, entre os que cabe citar as obras de rexeneración da rede de saneamento nas rúas Antonio Lorenzana e Tras dos Fornos e ampliación da rede de Centulle (108.303 euros), renovación de redes de augas e saneamento no Grupo Buen Jesús e Centulle (59.903 euros) conexión de verquido do barrio de Marín á EDAR (54.198 euros), ademais doutras moitas destinadas á mellora da eficiencia enerxética (Avda. Portugal, Avda. Monforte, Avda. Xoán XXIII, rúa Costaña e rúa Calvo Sotelo, no parque do Antigo Campo da Feira, …)

Tamén destacan pola súa contía as obras de mellora de infraestruturas viarias como as acometidas na LU-533, 10,5Km entre O Saviñao con Chantada (remodelación firme e mellora das interseccións) que supuxo un investimento de 1.700.000 euros ou as achegas para impulsar o PXOM e PEPRICH (137.338 euros) e para a entrega de 8 vivendas de promoción pública (700.000 euros)

TRABALLO E BENESTAR

No eido do traballo e benestar, a Xunta integrou no consorcio autonómico unha nova escola infantil con 61 prazas e desenvolveu, nestes seis anos de goberno 31 accións formativas con 465 beneficiarios (966.000 euros) destinou 1.213.100 euros que permitiron 106 novas contratacións ao abeiro do Plan de Cooperación, financiou o Obradoiro de emprego Serra do Faro (20 alumnos e 177.668 euros de investimento). Tamén achegou 299.442 euros ao plan concertado de servizos sociais e 768.456 euros para o financiamento do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes. Tamén subvencionou catro contratacións de orientadores laborais con 87.829 euros

TIC´S EDUCACIÓN E DEPORTE

No ámbito sanitario destacan os 100.000 euros destinados a adquisición do grupo electrónxeno, adaptación sala de caldeiras, redistribución de espazos e dixitalización do servizo de radioloxía, 118.200 para dotar de novas tecnoloxías aos centros educativos a través do Proxecto Abalar  e os 321.000 euros investidos nos vestiarios do campo de fútbol do Sangoñedo, e 87.831 euros en axudas a clubs deportivos chantadinos