Lugo, 24 de febreiro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular considera que, tras a análise da resposta á pregunta trasladada polo populares en pleno sobre a Escola de Piragüismo, alguén deberá asumir responsabilidades políticas xa que quedan claras as manobras empregadas para dar un traballo a responsables do BNG e de Galiza Nova.
Impugnación das bases no 2012
Suplusa saca en 2010 á provisión dúas prazas de técnicos deportivos. No 2012 un destes técnicos renuncia, poñéndose en marcha un novo proceso de contratación, publicado no BOP de 13 de novembro de 2012.
A praza convocada como técnico de deportes é recorrida polo Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física, alegando que os requisitos de titulación establecidos nas bases non se axustaban á praza convocada, segundo o establecido na Lei 3/2012 do Deporte de Galicia.
Pese a que o citado recurso é admitido a trámite, a Deputación non modifica as bases para requirir a titulación axeitada, senón que cambia a categoría de praza, que pasa a ser de oficial de mantemento. Neste senso, os populares pregúntanse que categoría de praza necesitaba realmente a Deputación: un técnico deportivo ou un oficial de mantemento. No proceso sae seleccionado o responsable ata decembro do ano pasado de Galiza Nova en Lugo e actual candidato a alcaldía en Lugo polo BNG. As sospeitas son claras, asegura o GPP. Acaso, pregúntanse, non contaba a persoa que ocupou a praza coa titulación esixida previamente.
Ocupación de praza sen proceso de contratación
O actual candidato á alcaldía en Lugo polo BNG, abandona o posto de traballo en xaneiro e, sen proceso de contratación, tal e como confirmaron en resposta plenaria, ocupou o posto vacante o actual responsable de Galiza Nova en Lugo. Polo tanto, tal e como denunciou o GPP “este traballo foi herdado, independentemente de que fose por un período máis ou menos curto no tempo, polo que lamentamos a utilización da institución pública como axencia de colocación de persoas afíns aos grupos de goberno”.
Os populares lembran tamén que tras que esta situación se fixese pública, o actual responsable de Galiza Nova abandona o seu traballo e a Deputación pon en marcha un proceso para ocupar a vacante.
Besteiro agóchase tras os seus socios de goberno
A pregunta do Grupo Provincial do Partido Popular, rexistrada para a súa resposta de onte, pedía explicacións sobre o procedemento de contratación na Escola de Piragüismo, e dirixíase directamente ao presidente da institución, xa que os populares consideraban que Besteiro non se podía manter agochado ante este tipo de situacións, como máximo responsable da Deputación e, polo tanto, de Suplusa.
“Unha vez máis Besteiro evitou responder ás preguntas do Grupo Provincial do Partido Popular e agochouse, de novo, ante asuntos que precisan dunha explicación pública”, lamentan dende o PP, que lembran que foi o vicepresidente da Deputación o que atendeu á pregunta do GPP.
Falta de transparencia
Os populares tamén lle achacan a Besteiro falta de transparencia “da que tanto presume pero que non leva á práctica”. Dende o GPP lamentan que o presidente da Deputación amparándose no Regulamento Orgánico de Funcionamento négase a responder a outras preguntas pendentes dos populares.