Lugo, 24 de febreiro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular aclarou esta mañá durante a sesión plenaria que o Plan de Obras e Servizos da Deputación é realmente “un plan municipal de obras, que se desenvolve grazas ao esforzo dos concellos”.
Os populares explicaron que a Deputación de Lugo está obrigada por lei a aprobar un plan de obras e servizos anual, porén “o aprobado polo ente lucense é o peor de todas as administracións provinciais galegas” e, segundo o GPP, “non aguanta comparativas dado a insignificante contribución da Deputación”.
Da contía total do plan para obras municipais, os concellos achegan o 54% (1.085.319,78 euros); mentres que a Deputación contribúe só cun 926.846,06 euros (46%). Circunstancia que, segundo os populares, demostra claramente que o POS “que se farta de vender a administración provincial, é un plan municipal que se leva a cabo grazas ao esforzo dos concellos”.
As administracións locais son as encargadas de elixir as obras que se acometen con cargo a este plan e, de facer a análise individual por actuación, no lugar de global; os populares explican que ata 20 concellos puxeron “máis diñeiro para a súa obra municipal ca Deputación; os restantes soen contribuír na obra ao 50%”.
Comparativa entre Deputacións
Partindo das mesmas circunstancias, a Deputación Provincial de Lugo achega aos concellos 926.846,05 euros; mentres que a da Coruña aporta 24,2 millóns, a de Pontevedra 12 millóns e a de Ourense 4,8 millóns.
Por último, a popular explica que un concello de Lugo recibe da Deputación un 93,5% menos ca un da Coruña con extensión e número de poboación similares. Así, Candia cita como exemplo Outeiro de Rei que recibe unha dotación da Deputación que escasamente supera os 14.000 euros, fronte aos 224.057,83 que recibe, por exemplo, Curtis.