Lugo, 24 de febreiro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular asegurou esta mañá durante o transcurso da sesión plenaria da Deputación que “por moito que se intente facer política o que valen son os feitos e toca traballar para garantirlle aos lucenses o mellor sistema sanitario”.
Os populares recoñeceron que as declaracións da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, non lles gustaron pero aclararon que “non van facer política coa saúde da xente, senón loitar para que se cumpran os acordos de dotación de servizos no Hula. “Non permitiremos que non se materialice algún destes compromisos da Xunta de Galicia”, aclararon.
Emenda do GPP
Neste senso, os populares lembran a “hipocrisía e falla de memoria” do bipartito na Deputación, que forman parte dos mesmos grupos políticos que gobernaron na Xunta de Galicia e que “non deixaron nin unha mínima previsión de equipamentos destes servizos en Lugo”. Pola contra, a aposta da Xunta de Galicia pola sanidade en Lugo e a súa provincia é “clara, tal e como deixan patente os investimentos realizados na provincia”. Por exemplo, o investimento dende 2009 en infraestruturas sanitarias supera os 97 millóns de euros.
Os populares lembraron que Lugo conta co mellor hospital de Galicia e, probablemente co mellor de España, “iniciado, dotado e rematado cun goberno do PP. Outros tiveron ocasión de facer o que piden e non o fixeron”.
Compromiso da Xunta de Galicia
O Grupo Provincial amosa a súa plena confianza nas garantías do Goberno galego, que está a traballar co obxectivo de dotar o Hula dos servizos requiridos.
Os populares explican que dende o mes de xaneiro do 2014 está en funcionamento a nova sala de hemodinámica no Hospital de Lugo e, neste momento, atópanse en licitación os equipos de Radioterapia e Medicina Nuclear para Lugo e o prazo para que estean en funcionamento será como máximo o previsto na nova Lei: 18 meses tras a súa entrada en vigor, “nin un mes máis”.
Así, a discriminación que o bipartito achaca a Xunta de Galicia con Lugo “é falsa”, ata o punto de que, por exemplo, Lugo conta agora cunha sala de hemodinámica, cando antes non se dispuña dela, e o funcionamento é exactamente igual que a sala de Ourense, que puxo en funcionamento o Goberno bipartito. “Se alguén discriminou Lugo foi o Goberno bipartito da Xunta, que non foi quen de dotar e abrir o novo hospital”.
Polo tanto, O Goberno da Xunta continúa a dotar a Lugo de novos medios e servizos. E nesta liña, “agora o que toca é traballar para poder dispoñer, no prazo máis breve posible, dos servizos acordados. Son necesarios feitos e realidades e non demagoxia política, e a pesar de socialistas e nacionalistas, si haberá os servizos”.