Partido Popular de Lugo

O GPP lamenta que Besteiro desaproveitase a oportunidade de tranquilizar aos lucenses sobre a venda das accións do C.D. Lugo

Lugo, 24 de febreiro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo lamenta que o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, desaproveitase a oportunidade de tranquilizar ao lucenses tras a preocupación xerada en torno ao proceso de venda das accións da Sociedade Anónima Deportiva Club Deportivo Lugo.

Os populares lembran que o GPP rexistrou unha pregunta para a resposta plenaria desta mañá na que se interesaba por se o presidente José Ramón Gómez Besteiro suspendería o proceso de venda das accións. Os populares lamentan que o máximo responsable da institución provincial evadise dar resposta e se escudase en que está a espera dos informes pertinentes.

“Se a situación xerada en torno ao C.D. Lugo fose un tema de importancia e transcendencia para Besteiro, traballaría e disporía dos informes xurídicos que permitirían dar unha resposta a situación actual”.

Neste senso, os populares tamén queren deixar claro que o Partido Popular non tivo participación no proceso de venda das accións do C.D. Lugo e achácanlle a Besteiro que mentise en relación a este feito.

Por último, os populares tamén lamentan que a unha vez máis, “Besteiro non cumpre coa transparencia que tanto vende”, matizaron dende o GPP, ao que engadiron que “amparándose de novo no regulamento negáronse a responder ás restantes preguntas rexistradas polo Grupo Provincial do Partido Popular”.

Os populares explicaron que rexistran preguntas en función da súa responsabilidade de control do goberno, porén Besteiro “só cando lle apetece responde as cuestións do PP aínda que sexan máis de dúas, se non lle interesa emparapétase no regulamento para evitar responder”.