Lugo, 24 de febreiro de 2015.- A Deputación Provincial de Lugo negouse esta mañá en pleno a liquidar as débedas contraídas cos municipios en materia de servizos sociais e a cumprir co financiamento do SAF Básico “o que está a provocar un prexuízo moi importante para os Concellos e para os lucenses”. Os populares estiman que esta contía está en torno ao 10 millóns de euros, o que afecta aos 66 concellos da provincia, os de menos de 20.000 habitantes.
Os populares lembraron que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou integramente os argumentos da Deputación para incumprir cos municipios en materia de servizos sociais e pese a isto “seguen a dar as costas a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, polo tanto, o benestar segue sen ser unha prioridade para a Deputación de Lugo, incumpren, faltan á verdade e utilizan politicamente ás persoas que máis o necesitan”.
A Deputación Provincial de Lugo durante os últimos catros anos “vangloriouse de incumprir o decreto e agora faino coa sentenza, dende logo, un feito que pasará a historia desta institución”, lamentaron dende o GPP.
Os populares cualificaron de “moi importante” a débeda que a Deputación Provincial de Lugo ten cos concellos en materia de servizos sociais, dende que no 2012 se negase a cumprir coa lexislación vixente e apoiar maioritariamente o financiamento do SAF básico en concellos de menos de 20.000 habitantes.
Esta falta de compromiso do Goberno bipartito provincial trouxo consigo “importantes consecuencias negativas para os concellos lucenses” que se viron ata agora na obriga de asumir con recursos propios ou a través de cotas que abonan os seus usuarios o financiamento do servizo, e que a Deputación está obrigada por mandato legal a financiar.