O candidato á alcaldía do Partido Popular do Incio, José Álvarez, denunciou esta mañá a “deixadez” de funcións da Deputación de Lugo en canto ao mantemento das estradas provinciais que descorren polo termo municipal.
Álvarez explica que é unha reivindicación dos veciños “moi necesaria”, a de que se acometan actuacións en vías da Deputación que presentan “tramos estreitos cun firme en pésimo estado”. O popular queixase de que o organismo provincial está a evadir o cumprimento das súas obrigas sen existir dende o Concello do Incio unha reivindicación para que a Deputación “cumpra co seu deber”.
Pleno da Deputación
Os populares na Deputación de Lugo, que se fan eco das queixas que teñen trasladado os veciños e usuarios a través do voceiro dos populares locais, solicitarán no pleno do próximo martes que o organismo lucense manteña en bo estado e, polo tanto, acometa tanto as labores de conservación ordinarias como as de ampliación e mellora necesarias na LU-P-2502, que vai de Polvoreiro ao núcleo de Ferradal, así como na travesía do núcleo de Cortellas, ambas na parroquia de Eirexalba.
Despreocupación da alcaldesa do Incio
O PP local xa presentara en outubro de 2014 un rogo a través do que solicitaba á alcaldesa do Incio que se dirixise á Deputación de Lugo e reivindicase o cumprimento das súas obrigas no tocante ao mantemento e rexeneración das vías de titularidade provincial que discorren polo municipio.
Álvarez lamenta a “despreocupación” da alcaldesa “que se amosa incapaz de velar polos veciños” e que prefire “antepoñer os intereses partidistas aos locais”. “No lugar de dirixirse á institución competente prioriza utilizar fondos municipais para realizar labores que son doutras administracións, sen preocuparse así pola economía local e cargar os custes nas arcas municipais en prexuízo dos veciños”.
O popular fai estas declaracións despois de que a Deputación eludise realizar labores de desbroce nas estradas provinciais de Eirexalba e o Concello contratase unha empresa externa para esas funcións. “Non é quen nin de lograr que unha administración onde goberna o PSOE, da súa mesma cor política, cumpra coa súa responsabilidade”.
Perigo para os usuarios e veciños
O alcaldable popular denuncia tamén que o estado das estradas provinciais está a provocar importantes prexuízos, ata o punto de entrañar situacións de risco e falta de seguridade.
Álvarez cita como exemplo o estado no que están asentadas as alcantarillas na estrada provincial LU-P-2503, en pleno núcleo de Cruz do Incio e que discorre por diante do colexio e da residencia da terceira idade. “Están sen rematar as colocacións das alcantarillas, o que provoca que estas sobresaian considerablemente sobre o firme da estrada, así como que teñan ferros soltos ao seu redor”.
“Abandono continuado”
O voceiro do PP do Incio asegura que esta “abandono” nas súas funcións “está a darse de xeito reiterado, tanto na falta de limpeza das estradas provinciais durante os veráns como nas últimas nevadas, o que impediu, por exemplo, que unha veciña que asiste diariamente a diálise non puidese acudir ou que traballadores da residencia non chegasen ao seu posto de traballo, ao igual que outros servizos como o do panadeiro”.