A dirección provincial do Partido Popular na provincia de Lugo anunciou hoxe a renovación da Xunta local desta formación política no municipio de Láncara que levaba constituída desde o ano 1988
A nova Xestora estará presidida por Santiago Cubillas, o actual candidato popular á Alcaldía, quen liderará a formación política popular a nivel local coa mirada posta no reto que supoñen as vindeiras eleccións municipais.
Os cambios na dirección do Partido Popular a nivel local foron consensuados no transcurso dunha reunión celebrada a semana pasada con afiliados e supoñen a consolidación dun proceso de renovación impulsado tras o anuncio do actual alcalde, Eladio Capón, de non presentarse á reelección tras 30 anos como rexedor.
Desde a dirección provincial salientan que todo este proceso se desenvolve con normalidade, amosando a solidez, unidade e fortaleza do Partido Popular, a formación política máis votada polos veciños de Láncara.
O novo presidente local, Santiago Cubillas, veterinario de profesión e veciño de A Pobra de San Xiao desde fai dúas décadas, é na actualidade o responsable da Asociación de Defensa Sanitaria Rio Neira, a primeira asociación destas características constituída na provincia.