Partido Popular de Lugo

O GPP pide á Deputación que liquide as débedas en servizos sociais contraídas cos concellos

Lugo, 14 de febreiro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular mantivo unha xuntanza en Monforte con alcaldes e voceiros dos municipios que integran as comarcas de Lemos e Quiroga, co obxecto de analizar asuntos da Deputación que competen a estes concellos.

En concreto, os populares na xuntanza estudaron a presentación de reclamacións para que a Deputación de Lugo liquide as débedas contraídas cos municipios en materia de servizos sociais e que cumpra co financiamento do SAF.

A voceira dos populares, Elena Candia, cualificou de “moi importante” a débeda que a Deputación Provincial de Lugo ten cos concellos en materia de servizos sociais, dende que no 2012 se negase a cumprir coa lexislación vixente e apoiar maioritariamente o financiamento do SAF básico en concellos de menos de 20.000 habitantes.

Neste senso, Candia lembrou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou integramente os argumentos da Deputación para incumprir cos municipios. Esta falta de compromiso do Goberno bipartito provincial, segundo engadiu a popular, trouxo consigo “importantes consecuencias negativas para os concellos lucenses” que se viron ata agora na obriga de asumir con recursos propios ou a través de cotas que abonan os seus usuarios o financiamento do servizo, e que a Deputación está obrigada por mandato legal a financiar.

Unha Deputación “inexistente”

A voceira dos populares tamén denunciou a falta de colaboración e compromiso da Deputación de Lugo con concellos destas comarcas para os que a “administración provincial non existe”.

“O bipartito provincial de maneira constante está a facer oídos xordos a peticións de veciños e de Concellos destas comarcas”, explicou a popular, quen engadiu que “moitas destas demandas foron trasladadas tamén polo Grupo Provincial do Partido Popular tanto a través de iniciativas plenarias, como de alegacións aos orzamentos ou escritos”.

Tras a xuntanza mantida en Monforte, Candia reiterou peticións como a da mellora na xestión das rutas fluviais de catamarán pola Ribeira Sacra, tanto en atención ao usuario como na oferta e horarios dispoñibles.  Nesta liña de mellora e potenciación do sector turístico, dende o Grupo Popular, lembrou Candia, tamén se pediu a elaboración dun plan específico de mellora de infraestruturas nestas comarcas, xa  que as infraestruturas viarias inflúen non só no día a día dos veciños, senón tamén no dos visitantes.

“Existen estradas en moi mal estado nesta zona e que responden a demandas moi importantes para os veciños”, explicou Candia, que como exemplo citou as vías que comunican Sober a Doade (5903) ou a que enlaza Sober, por Gundivos a Vilacha e Accesos a Santa Cruz de Sanmil (5904).

Polo tanto, os populares piden que a Deputación cumpra coas súas competencias con todos os concellos destas dúas comarcas e non tal e como se está a dar ata agora, xa que actualmente a Deputación está a gobernar de costas a administracións locais.