Lugo, 12 de febreiro de 2015.- A voceira do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, fixo público esta mañá que o presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, deixou durante 2014 sen gastar en emprego máis de 5,8 millóns de euros. É dicir, do total orzamentado para emprego nos orzamentos da pasada anualidade, “esta importante contía, non se chegou nin tan sequera a comprometer”.
Os decretos de Presidencia que recollen a incorporación de remanentes de créditos para a anualidade de 2015 demostran este financiamento que recibiu a Deputación e que non chegou a comprometer, polo que agora, explica a popular, pásase para gastar en exercicios seguintes.
Así, Candia criticou esta mañá que pese a dispoñer de fondos, o presidente socialista non foi quen de desenvolver as políticas de emprego o que demostra que “os parados non son unha prioridade para Besteiro”. “Estamos a falar de máis de 5,8 millóns de euros que estaban presupostados no orzamento, que poderían estar executados no 2014 e non o fixo”.
Outras áreas con remanentes de crédito
Da análise dos decretos de Presidencia nos que se aproba a incorporación de remanentes de créditos para o ano 2015, a voceira dos populares fixo referencia a outras contías de fondos que pese a estar orzamentadas no 2014, non se chegaron a gastar.
91.807 euros en promoción turística, 250.000 euros en Medio Ámbiente, máis de 163.000 en outros servizos de benestar comunitario, 10.000 en promoción cultural e a mesma contía en promoción deportiva; son algunhas das cifras que citou a popular, financiamento do que dispoñía Besteiro que se atopa ao peche do exercicio do 2014 só como retención de crédito, sen iniciar a fase de execución do gasto.
Así, Candia reprobou que na Deputación de Lugo en tempo de contención de gastos “se comprometa menos do que teñen e fagan, polo tanto, recortes innecesarios”.