Lugo, 9 de febreiro de 2015.- O presidente do Partido Popular de Lugo, José Manuel Barreiro, fixo público hoxe que Joaquín González repetirá como candidato do PP á alcaldía do Saviñao. O actual rexedor optará por sétima vez á alcaldía do municipio lucense.
Durante o anuncio desta designación, Barreiro quixo destacar como valores esenciais na persoa de Joaquín González os de “compromiso e traballo, sempre a prol dos veciños, pensando nos seus intereses e velando por darlle resposta as súas demandas”.
Segundo o presidente dos populares, dende que en 1991, o alcaldable popular se puxo por primeira vez á fronte do Concello, “O Saviñao avanzou tanto no rural como no urbano, cubrindo paulatinamente as principais necesidades e servizos”.
Así, Barreiro asegura que Joaquín González está disposto a seguir traballando para materializar ou sacar adiante novos proxectos necesarios no Saviñao.
Biografía
Joaquín González ten 59 anos; naceu o 5 de maio de 1955 en Aiaz (Saviñao). Leva como alcalde dende 1991, obtendo dende o 1995 continuadas maiorías absolutas. Compaxina a súa responsabilidade de alcalde coa xestión dunha explotación gandeira en Aiaz, onde reside.