Partido Popular de Lugo

Javier Rodríguez Medela candidato popular á Alcaldía de Chantada

Lugo, 8 de febreiro de 2015.- O presidente provincial do Partido Popular en Lugo, Jose Manuel Barreiro, anunciou hoxe que Javier Rodríguez Medela será o candidato popular á Alcaldía de Chantada. Será a primeira ocasión na que Medela concorra como cabeza de lista.

RECUPERAR A ALCALDÍA

O seu principal reto está en recuperar para o Partido Popular á alcaldía dunha localidade onde os populares foron a forza política máis votada nos últimos procesos electorais.  Medela compromete traballo e ten como obxectivo impulsar un proxecto capaz de xerar maior ilusión entre os veciños, pois confía nunha Chantada máis ambiciosa, no conxunto da comarca e da provincia e de maior sintonía coa Xunta e o Goberno central.

Barreiro salientou o seu carácter dialogante e indicou que dispón dunha notable experiencia na xestión da administración pública, como xerente de programas de desenvolvemento rural na Ribeira Sacra lucense e comarcas de Chantada e Ulloa, e na organización de actividades, xa que foi responsable, durante 12 anos, da Feira do Viño de Chantada,  e da organización doutros eventos de carácter lúdico-social, o que tamén dan conta do seu compromiso cos veciños.

TRAXECTORIA

Desde 2013 preside o Partido Popular de Chantada, tras ser elixido por aclamación nun congreso local, onde impulsou unha executiva moi renovada, cunha media de idade de 40 anos, e onde foi quen de agrupar a mozos e a xente con moita experiencia política.

Rodríguez Medela, de 49 anos, xa ten experiencia política contrastada xa que foi concelleiro do Equipo de Goberno Municipal entre os anos 1991 e 1995, onde exerceu como edil responsable de Cultura. Está ligado ao Partido Popular desde o ano 1989.

Sempre mantivo unha ampla implicación na vida social e cultural de Chantada e de feito preside a asociación cultural Amigos do Folión, ademais da súa experiencia como organizador, entre outras, da Feira do Viño de Chantada, un evento de promoción agroalimentaria de primeira magnitude.