Lugo, 7 de febreiro de 2015.- O presidente do Partido Popular de Lugo, José Manuel Barreiro, confirmou hoxe que o actual rexedor de Vilalba, Gerardo Criado, optará á reelección como alcalde da capital chairega.
Veterinario oficial da Consellería de Medio Rural en excedencia, está á fronte da alcaldía dende fai unha década (accede no ano 2005) e dende aquela encabezou as candidaturas populares no municipio nos diferentes comicios municipais, acadando continuadas maiorías absolutas.
Nado na parroquia de Noche en Vilalba, o 4 de decembro de 1956, Gerardo Criado preséntase, polo tanto, por terceira vez á alcaldía de Vilalba con “moita ilusión, orgullo e responsabilidade” e co reto claro de continuar a impulsar o municipio chairego como referente do sector servizos no norte da provincia.
O compromiso público do alcaldable popular remóntase a fai máis de 20 anos, xa que antes de acceder á alcaldía, Criado foi durante dez anos edil do municipio.
Infraestruturas, emprego e rural
Durante a década que leva á fronte da alcaldía, Gerardo Criado logrou a mellora e o impulso de Vilalba como capital da Terra Chá, co desenvolvemento de servizos importantes.
Foron anos nos que o equipo que encabeza o alcaldable popular acadou a mellora das principais vías de comunicación, así como o desenvolvemento do polígono industrial e o asentamento de empresas coa correspondente creación de emprego.
Ao longo destas lexislaturas Criado tamén priorizou o rural, ao que dirixiu un forte investimento público. Vilalba é o segundo concello de maior extensión de Galicia (375 quilómetros cadrados) e o primeiro en dispersión poboacional.
Este compromiso coas parroquias seguirá a ser unha das apostas do popular, xunto a mellora nas travesías que comunican co casco urbano, así como continuar co desenvolvemento do polígono industrial e, en colaboración co resto das administracións, manter o emprego e crear novos postos de traballo.