Partido Popular de Lugo

Gómez Pallín será a alcaldable popular en Castroverde

Lugo, 05 de febreiro de 2015.- María Gómez Pallín será a alcaldable do Partido Popular en Castroverde para os comicios electorais do próximo mes de maio. Así o anunciou esta mañá o presidente do Partido Popular de Lugo, José Manuel Barreiro.

Barreiro quixo resaltar a xuventude e o compromiso da popular, da que di que asume con “forza e ganas” o reto de conseguir para Castroverde “unha nova forma de gobernar”, baixo principios esenciais que defende o partido como son “o consenso e o traballo conxunto cos veciños”.

Pola súa banda, Gómez Pallín asegura que desta vez se presenta con “máis ilusión e máis coñecemento do concello e dos problemas e necesidades dos veciños” e coa experiencia acadada durante esta lexislatura como voceira e concelleira do grupo municipal do Partido Popular.

Currículo
Nada en 1981 en Castroverde, a candidata do Partido Popular é mestra de educación infantil e preside a agrupación local da formación política dende o ano 2007. Deste xeito, Barreiro enxalzou a vontade de compromiso público da popular que con tan só 26 anos se puxo á fronte do PP en Castroverde.

María Gómez Pallín tamén integrou as listas electorais do Partido Popular  de Lugo ao Congreso dos Deputados durante os comicios xerais de 2011 e tamén ao Parlamento de Galicia durante as últimas eleccións autonómicas.