Partido Popular de Lugo

Barreiro anuncia que José Manuel Arias repite como candidato á alcaldía de Bóveda

Lugo, 05  de febreiro de 2015.- O presidente do Partido Popular de Lugo anunciou esta mañá que José Manuel Arias repetirá como candidato á alcaldía de Bóveda.

O bo facer do alcalde

Barreiro puxo en valor a demostrada disposición de Arias por servir aos veciños do seu concello e realzou o bo facer do alcalde e a súa capacidade de xestión xa que, ata en momentos de dificultade económica, soubo sacar adiante novos servizos para o municipio.

José Manuel Arias, que se presenta á reelección con ilusión, fixo balance desta lexislatura e quixo resaltar a boa xestión económica “sen débeda e pago en oito días”, así como o impulso ao tecido industrial no Concello, que “permitiu crear un importante número de postos de traballo”. A administración local, con Arias ao fronte, tamén fixo un forte investimento en servizos sociais con fondos propios.

Confianza no PP

O Partido Popular vén sendo a forza política máis votada nos últimos procesos electorais. Dende 1999, José Manuel Arias desempeña a responsabilidade de gobernar o concello, sempre con maioría absoluta. O alcaldable popular entrou en política no ano 1991, como concelleiro do PP no municipio.

Biografía

José Manuel Arias naceu o 18 de febreiro de 1962, ten na actualidade 52 anos. É mestre industrial. Ademais de rexedor municipal, o popular foi deputado provincial entre 2008 e 2011, cargo que ostenta tamén na actual lexislatura.