Partido Popular de Lugo

O GPP denuncia a existencia de goteiras no Museo Provincial

Lugo, 04 de febreiro de 2015.- O Grupo do Partido Popular na Deputación de Lugo denunciou esta mañá a existencia de goteiras no Museo Provincial, de responsabilidade da institución lucense.

Segundo explicaron os populares, as filtracións afectan á sala 27. O acceso a esta localización atópase pechado aos visitantes; mentres nela se seguen albergando as obras. Os populares aseguran que nesta localización se observan os baldes que recollen a auga; así coma os plásticos que protexen a tarima de madeira.

Os populares consideran “lamentable”  o estado no que se atopa esta sala e urxen actuacións inmediatas para solucionar os problemas das filtracións e, evitar así, posibles danos ás obras do Museo.

Deste xeito, dende o Grupo Provincial do Partido Popular aseguran que non só son a condensación e a humidade as que afectan ao edificio do Museo de Lugo. Os populares reiteran que as pezas e coleccións de incalculable valor que se expoñen neste edificio débense amosar ao público garantindo o seu mantemento nas condicións máis óptimas e necesarias requiridas.

Os populares, que lembran que a colección completa de Álvaro Gil volverá ao museo por un prezo de adquisición superior aos 2,3 millóns de euros, ven imprescindible que se actúe de xeito inmediato para que as garantías sexan as máis propicias posibles.