Lugo, 04 de febreiro de 2015.- O presidente e voceiro do Partido Popular no Valadouro, Jose Manuel Lamela, denunciou que, unha vez máis, no pleno municipal que tivo lugar o pasado día 30 puxéronse en evidencia as discrepancias, enfrontamentos e conflitos internos que afectan ao equipo de goberno local e, por extensión ao tripartito.
PSOE, Udival e BNG foron incapaces de votar en conxunto unha moción dos nacionalistas solicitando a posta en marcha dun refuxio para cans, tras desmarcarse co voto en contra deste mesma moción un concelleiro socialista. Os populares, pola contra si votaron a favor.
DIVISIÓN CON CONSECUENCIAS
Lamela asegura que o Goberno local do Valadouro “segue dividido” e que esta situación está a ter o seu reflexo non só nas discrepancias á hora de votar mocións ou cuestión tan importantes como os orzamentos, senón tamén no día a día da xestión municipal, que deixa moito que desexar, polos enfrontamentos entre concelleiros.
“O tripartito de Valadouro xustificou a moción de censura na necesidade de dar estabilidade ao Concello, pero a realidade é que o único partido capaz de asegurar esta estabilidade é o PP, fronte aos espectáculos de desunión dos que protagonizan PSOE, Udival e PSOE” –dixo Lamela.
O presidente do PP do Valadouro insiste en que O Valadouro ten un “goberno roto e esgotado”, que precisa dun cambio, dunha alternativa, que prime o interese dos veciños por riba dos intereses particulares, que son os únicos que lles interesa ás forzas do bipartito.
REFUXIO DE CANS
Os populares amosaron tamén a súa sorpresa por que o alcalde fai un ano prometeu impulsar este refuxio, e hoxe “non existe nada feito”, motivo que tamén levou ao enfado dos promotores. “Existe un proxecto encargado, pero tampouco se concluíu. Está claro que están a dar largas a unha iniciativa obxectivamente positiva e que dende o PP vemos interesante”.