Partido Popular de Lugo

Alfonso Villares optará a reelección como alcalde de Cervo

Lugo, 4 de febreiro de 2015.- O presidente provincial dos populares lucenses, José Manuel Barreiro, confirmou hoxe que o actual alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez volverá a ser o cabeza de lista da candidatura do Partido Popular neste municipio da Mariña lucense.

Barreiro salientou “o forte compromiso” de Villares cos cervenses e significou que esta característica, sumada á unha xestión “próxima aos veciños”, convérteo no candidato ideal para “continuar transformando a mellor” un municipio de grande importancia no conxunto da Mariña, como é o de Cervo.

Villares, de 44 anos, veterinario de profesión, leva dúas lexislaturas á fronte do Concello, anos durante os cales foi quen de sanear a Facenda local e -a pesar da crise- non reducir servizos, ao contrario baixo o seu mandato puxéronse en marcha as escolas deportivas municipais, abríronse novos centros sociais, construíuse a praza dos Campos, remodelouse o parque da capitalidade municipal que leva o nome de Isaac Díaz Pardo e Luis Seone e creou liñas de axudas para estudantes, centros educativos, ANPAs e clubs e entidades deportivas, financiadas con fondos municipais.
Tamén foron anos nos que o equipo que encabeza o actual candidato á reelección fixo realidade os saneamentos de San Ciprián –incluído a construción do emisario-, Cervo, Figueirido, Cuíña, A Senra e iniciouse o de Trasbar.

Tanto no ámbito deportivo como no cultural Cervo é hoxe unha referencia na Mariña, tamén nas prestacións de benestar, ofertando uns servizos sociais de gran calidade para maiores e dependentes, e incluso está a piques de rematarse a nova residencia.

Cervo é ademais un dos poucos concellos de Galicia que pode presumir de contar con tres festas declaradas de Interese Turístico Galego, (Maruxaina, Queimada e Festa do Ourizo) e de enclaves da importancia do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, ou os seus areais, atractivos que permiten multiplicar a poboación durante os meses de verán.

AMPLA TRAXECTORIA POLÍTICA

Villares conta cunha ampla experiencia política: Foi concelleiro do PPdeG en Cervo dende 1995. Dende 1999 formou parte do equipo de goberno local. Nas eleccións municipais de 2007 encabezou a candidatura do PP á alcaldía de Cervo e foi elixido alcalde con maioría absoluta. Nas últimas eleccións locais de 2011 volveu ser elixido alcalde, ampliando a súa maioría absoluta.

Ademais en 2011 foi elixido vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, representante polo tanto de todos os rexedores galegos, e forma parte do Comité de Dirección e do Comité Executivo do PPdeG, e da Xunta Directiva provincial do PP lucense.