Partido Popular de Lugo

Jorge García non será candidato á Alcaldía da Pontenova pero manterase na presidencia local do Partido Popular

Lugo 3 de febreiro 2015.- Jorge García anunciou hoxe que non será o candidato do Partido Popular á alcaldía da Pontenova nas vindeiras eleccións municipais previstas para o mes de maio.

Abre así unha paréntese na súa vida política, tras vinte anos formando parte da Corporación Municipal, tanto en responsabilidades de goberno, durante case unha década; e despois xa, nas últimas lexislaturas, como portavoz do Grupo Municipal popular na oposición.

MANTERASE NA PRESIDENCIA LOCAL DO PP

Con todo, este novo paso –aclara– non implica a súa retirada da vida política, pois seguirá en plena actividade contribuíndo ao proxecto popular desde a presidencia local do partido, responsabilidade que continuará ostentando.

García indicou que esta decisión “a ten meditado moito nos últimos meses” e considera “que agora é o mellor momento para dar un paso atrás, para deixar paso a unha nova xeración, a novos liderados”

A DISPOSICIÓN DO PARTIDO E DO POBO

O actual portavoz popular adianta que se porá a disposición da persoa que lidere a nova candidatura popular, cando sexa designada, e insiste en que esta anuncio “non debe sonar a despedida” xa que seguirá “atendo e disposto para axudar aos seus compañeiros e ao seu pobo, coma sempre fixo”

AGRADECEMENTO DOS POPULARES LUCENSES

Desde a dirección provincial dos populares lucenses acollen con respecto a decisión de Jorge García e sinalan o importante traballo desenvolvido na primeira liña do Grupo Municipal por quen seguirá sendo o presidente dos populares na Pontenova.

Insisten tamén en que o actual portavoz é “parte esencial e activa do gran equipo popular” que o vindeiro mes de maio aspira a acadar o respaldo maioritario dos veciños e facer posible un cambio no goberno local. Sinalan que, en breve farán público a persoa que encabezará a lista nas vindeiras eleccións de maio.

VINTE ANOS DE SERVIZO AOS SEUS VECIÑOS

Concelleiro desde o ano 1995, Jorge García foi tenente de alcalde entre 1999 e 2007. Desde entón liderou a portavocía da oposición e, máis tarde a presidencia do Partido Popular local. Nacido en Bos Aires, fai 49 anos, é licenciado en Dereito e profesor, profesión que exerce no colexio local, onde tamén desempeña as tarefas de director.