O presidente provincial do Partido Popular de Lugo, José Manuel Barreiro, fixo pública esta mañá a designación de José María Teixido, como candidato do PP á alcaldía de Guitiriz.
José María Teixido é o actual rexedor da localidade, responsabilidade que ostenta dende maio de 2011. Barreiro definiuno como un home traballador, que chegou á vida pública por compromiso cos veciños e coa localidade. O presidente popular destacou tamén do alcaldable a súa manifesta vontade de colaboración e de defensa dos intereses dos guitiricenses.
Barreiro lembra que Teixido foi quen de gañar a alcaldía nos últimos comicios electorais, desbancando do goberno local a anterior alcaldesa socialista e logrando así que os veciños depositasen a súa confianza no Partido Popular, como a formación política máis capacitada para contribuír ao despegue do municipio.
Así, o alcalde popular optará de novo á reelección coa experiencia adquirida durante estes catro anos como aval e co obxecto de continuar coa súa responsabilidade pública de atención ás demandas dos veciños e de defensa dos intereses locais.
Un home do municipio
Teixido naceu en Guitiriz o un de novembro de 1960, ten, polo tanto, 54 anos. Desempeña o seu traballo como empresario no concello chairego. Ademais de alcalde dende 2011, tamén preside o Partido Popular local dende 2012, e afiliouse á formación política en 1995.