Partido Popular de Lugo

Os populares lucenses reciben en Vilalba distintas propostas dos axentes sociais da provincia

O Partido Popular da provincia de Lugo celebrou esta mañá en Vilalba un encontro de traballo no que, representantes de distintos colectivos vinculados ao mundo empresarial, traballadores autónomos, do comercio, da pesca e do sector forestal, tiveron a oportunidade de trasladar múltiples propostas para enriquecer o programa electoral popular e que serviu tamén, como espazo de diálogo para o intercambio de ideas de futuro.

MÁIS DE 300 PERSOAS

O foro, ao que asistiron máis de 300 persoas, estivo presidido polo líder dos populares lucenses, Jose Manuel Barreiro, e contou coa presenza de Pedro Puy Fraga, o voceiro parlamentario e coordinador do equipo redactor do programa electoral marco do PPdeG para as vindeiras eleccións municipais, así como de alcaldes, portavoces e outros cargos públicos, entre eles, o secretario xeral do PP de Lugo, Jose Manuel Balseiro e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado.

Barreiro agradeceu as achegas realizadas polos asistentes e enmarcou esta actividade nun proceso “necesario e moi positivo, tanto de rendición de contas e análise da situación actual, como de apertura dos partidos políticos á sociedade” para que, con anterioridade á elaboración dos nosos programas, “ter liña directa coas principais inquedanzas e propostas da sociedade”

O líder dos populares lucenses dixo que o PP quere continuar sendo “o partido das persoas” porque aspira a abordar e resolver os problemas dos cidadáns, por iso hai que afondar en encontros como este “abertos e participativos”, nos que se debata con intensidade sobre as cuestións que se susciten e, sobre todo, “no que os propios profesionais que día a día fan provincia, teñen a palabra”.

PRINCIPAIS PROPOSTAS

Entre as principais propostas abordadas neste foro, estivo o emprego, a mellora das infraestruturas e o necesario blindaxe das políticas de benestar. Tamén se abordou a reforma fiscal e as recentes baixadas de impostos dirixidas a reactivar a economía.

Os participantes demandaron ao Partido Popular que dea continuidade ao proceso de reformas e de iniciativas de impulso para que se confirme o cambio de tendencia no mercado laboral e na economía, para que se consolide a recuperación económica e esta poida chegar ao conxunto da sociedade.

Insistiron tamén que, este é o momento preciso para recuperar o impulso de novas infraestruturas e valoraron positivamente que a de Lugo sexa a provincia galega que maior investimento por habitante recibe da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas.

No ámbito do benestar, reclamaron unha blindaxe das políticas sociais e o reforzo dos servizos que presta a sanidade pública.

FOROS CON CONTINUIDADE

Os representantes de diferentes colectivos sociais e empresariais, viron con bos ollos este tipo de foros para tomar o pulso dos diferentes sectores da sociedade lucense e propuxeron que exista un ámbito periódico de participación e enriquecemento programático nos partidos. Entenden que o diálogo fluído coa sociedade “debe ser estable e ter continuidade ao longo do tempo”, de tal xeito que se poidan ir analizando o cumprimento dos compromisos asumidos ou as novas necesidades e retos que poidan xurdir.

Pola súa banda, os populares contrapuxeron esta liña de colaboración e participación da sociedade coa que promoven outras formacións políticas. O PP fuxe de posturas populistas irrealizables, baseadas no desencanto ou na indignación, pero que, analizadas minimamente, carecen de solvencia para a súa implantación e xeran intranquilidade respecto de ao futuro.