A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, e o deputado, José Manuel Mato, mantiveron onte unha reunión con alcaldes e voceiros da comarca de Sarria, durante a que trataron asuntos de transcendencia vinculados coa Deputación e cos concellos desta zona.
A voceira dos populares denunciou durante o transcurso desta xuntanza que os concellos da comarca de Sarria non son unha prioridade para o presidente da administración lucense, José Ramón Gómez Besteiro, aos que desatendeu durante as dúas lexislaturas que estivo á fronte do ente.
Candia fixo esta declaración amparándose en datos que verifican que o socialista non deu resposta, de maneira reiterada, ás peticións dos concellos, -como transmisores directos das demandas dos veciños-; incumprindo, deste xeito, coa súa principal competencia, a de cooperación e colaboración con todas administracións locais.
Servizos Sociais
A popular puxo de manifesto a débeda que a Deputación Provincial de Lugo ten cos concellos en materia de servizos sociais, dende que no 2012 se negase a cumprir coa lexislación vixente e apoiar maioritariamente o financiamento do SAF básico en concellos de menos de 20.000 habitantes.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de desestimar integramente os argumentos da Deputación para incumprir cos municipios; polo que, en atención á obriga legal, os populares, segundo explicou Candia, están a estudar a presentación de reclamacións para que Besteiro liquide as débedas contraídas cos municipios lucenses e cumpra co financiamento do SAF.
Neste senso, Candia precisou que o incumprimento por parte do Goberno bipartito provincial trae consigo importantes consecuencias negativas par aos concellos lucenses que se viron ata agora na obriga de asumir con recursos propios ou a través de cotas que abonan os seus usuarios o financiamento do servizo, que a Deputación está obrigada por mandato legal a financiar.
Infraestruturas
A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular tamén lembrou que as estradas desta comarca están a ser abandonadas polo bipartito provincial. Como exemplo de desatención ás demandas de arranxo das vías da Deputación, a popular explicou que no último pleno da Deputación o equipo de goberno votara en contra dunha iniciativa na que se pedía o arranxo da estrada que comunica Paradela con Currelos, que permitiría a mellora polo centro ao sur da provincia e, polo tanto, afectaría moi positivamente aos municipios desta comarca.
Segundo trasladou Candia, o estado das infraestruturas provinciais nesta comarca require de actuacións inmediatas, para evitar, cando menos, causarlles consecuencias negativas á poboación.
Por último, a popular fixo tamén referencia ao proxecto de posta en valor da Casona do Incio, con orzamento dende 2008, e que a día de hoxe non é unha realidade.