Lugo, 29 de xaneiro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular pediu esta mañá á Deputación de Lugo axilidade no pago das axudas económicas que, segundo as bases, deben recibir os participantes dos cursos do Pacto polo Emprego.
En concreto, os populares explican que o seu grupo recibiu consultas por parte de alumnos das accións formativas que se están a impartir en Viveiro sobre o aboamento destas becas, xa que, pese a que os cursos deron comezo a principios de decembro, hoxe non teñen percibido o correspondente pago.
O GPP traslada así a preocupación dos beneficiarios das accións formativas sobre Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Ante estes retrasos, o Grupo Provincial do Partido Popular trasladará unha pregunta para a súa resposta no pleno da Deputación.
Na iniciativa plenaria, os populares anuncian que o seu grupo interesarase polo motivo destes incumprimentos así como polos prazos que manexa a Deputación para efectuar estes abonos. Deste xeito, o GPP esixe axilidade para que os beneficiarios dos cursos reciban a axuda económica que as bases do Pacto Provincial polo Emprego recolle que percibirán os participantes nos módulos de prácticas profesional e formación.