Partido Popular de Lugo

Besteiro pon deberes ás outras administracións mentres “di non a cumprir cos seus”

Lugo, 27 de xaneiro de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, lamentou esta mañá durante o transcurso da sesión plenaria que o presidente da administración lucense se limite a pór deberes ao resto dos entes públicos mentres “di non a cumprir cos seus”.

Así o puxo de manifesto a popular tralo debate dunha proposta do equipo de goberno para darlle traslado á Xunta e ao Goberno central das demandas da cidadanía durante a elaboración dos orzamentos participativos.

Para a popular o goberno provincial non está lexitimado para darlle leccións nin a Xunta nin ao Goberno central, cando os socialistas e nacionalistas non cumpren na Deputación coas responsabilidades que son da súa exclusiva competencia.

Candia explica que o seu grupo rexistrou unha emenda para que a Deputación fose sensible ás peticións dos cidadáns da provincia de Lugo e, proxectase, financiase e executase, dentro das súas posibilidades, as demandas recollidas que son da súa competencia. A popular lamenta que os nacionalistas e socialistas votasen en contra desta emenda e se negasen a atender ás peticións dos lucenses.

O POS, un exemplo da falta de compromiso da Deputación

Candia criticou que a Deputación de Lugo ademais de negarse a cumprir coas peticións dos veciños trasladadas para a elaboración dos orzamentos participativos, tamén xestione de costa aos concellos non cumprindo coas súas competencias.

A popular criticou que a Deputación trae, un ano máis, a pleno o peor Plan de Obras e Servizos (POS) de toda Galicia. Unha proposta que, segundo a popular, deberíase chamar “plan dos concellos”, xa que a achega económica das administracións locais supera en máis de 260.000 euros a do ente provincial.

Partindo das mesmas circunstancias, a Deputación Provincial de Lugo achega aos concellos 959.529,16 euros; mentres que a da Coruña aporta 24,2 millóns, a de Pontevedra 12 millóns e a de Ourense 4,8 millóns.

Pasan o rodillo ás mocións do GPP

O POS é o único plan da Deputación dirixido a concellos que se articula mediante criterios obxectivos, garantindo as condicións de igualdade e concorrencia, xa que o mecanismo predominante na Deputación de Lugo realízase mediante a firma de convenios excepcionais. Os socialistas e nacionalistas no que vai de lexislatura outorgaron en torno a 11 millóns de euros en subvencións excepcionais a concellos afíns, mentres excluíu a 39 municipios populares do reparto destas axudas.

Así, os populares presentaron unha iniciativa plenaria para que a administración provincial crease un plan, elaborado en consenso cos municipios, dirixido a compensar a falta de colaboración da Deputación cun amplo número de concellos da provincia. Os deputados socialistas e nacionalistas votaron en contra de restablecer o desequilibrio económico no reparto de fondos públicos da administración.

O goberno provincial tamén votou en contra da proposta do PP para o arranxo de estradas de importante demanda dos veciños ao longo da provincia de Lugo e que requiren de actuacións urxentes (Vía Litoral de Barreiros, C.P. 6101 de Pedrido, por Sante, á Ría en Trabada; C.P. 1901 de Fonsagrada a Navia; C.P. 5903 de Sober a Doade e C.P. 5904 de Sober, por Gundivos, a Vilacha e Accesos a Santa Cruz de Sanmil e a de Pacios (Paradela) a Currelos (Saviñao).

Servizo de Axuda no Fogar

O equipo de Goberno da Deputación Provincial de Lugo rexeitou debater a moción de urxencia do GPP relativa ao financiamento por parte da administración lucense do servizo de axuda no fogar.

Os populares rexistraron esta moción de urxencia tras que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordara desestimar, -na súa integridade- o recurso contencioso administrativo interposto a instancia do Goberno bipartito da Deputación en contra do Decreto de Servizos Sociais 99/2012 de 16 marzo.

Candia explica que a proposta popular instaba á Deputación a dar cumprimento ao establecido na referida sentencia e adoptar as medidas técnicas e orzamentarias precisas para liquidar as débedas contraídas cos concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes, correspondente ao financiamento do servizo básico de axuda no fogar, dos exercicios 2012, 2013 e 2014, segundo o modelo previsto no Decreto 99/2012, de 16 de marzo polo que se regulan os servicios sociais comunitarios e o seu financiamento.