Lugo, 26 de xaneiro de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, asegurou esta mañá que resulta “moi difícil de comprender a dobre cara” amosada polo equipo de goberno da Deputación, ao pedirlle aos gobernos centrais e autonómico o que dende a administración provincial se negan a cumprir.
Candia lembra que o Grupo do Partido Popular presentou no mes de outubro unha moción plenaria na que requiría que se garantise nos orzamentos provinciais de 2015 o cumprimento das peticións, de competencia da Deputación, realizadas polos veciños no transcurso das reunións celebradas para a elaboración dunhas contas participativas.
Para a popular é “surrealista” que os socialistas e nacionalistas votasen en contra desta iniciativa que requiría o cumprimento por parte da Deputación das demandas veciñais e dos municipios que son da súa competencia e agora queira trasladar as peticións do Goberno central e autonómico.
“Néganse a cumprir as súas competencias e tras copiar a nosa iniciativa, agora busca que o fagan outras administracións”, cando a responsabilidade dende a administración provincial, segundo explica Candia, é a de darlle unha resposta con datos e feitos aos veciños. “O plantexamento desta iniciativa é un insulto á intelixencia dos veciños”, matizou Candia.
A popular pregúntalle aos socialistas polo cumprimento de obras e plans demandados polos veciños como é un Plan de Obras e Servizos que dea unha verdadeira reposta aos concellos, melloras na rede viaria provincial, (o GPP leva unha iniciativa a este pleno na que urxe actuacións en estradas da provincia), ou darlle cumprimento ao decreto que regula o Servizo de Axuda no Fogar.
A voceira dos populares valora moi positivamente que se escoite á xente, pero lamenta que os orzamentos participativos se estean a converter nunha mera campaña propagandista que supón un custe elevado aos lucenses (en torno a 130.000 euros na posta en marcha dos orzamentos ao que se suman as cartas remitidas aos veciños).