Lugo, 23 de xaneiro de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, criticou esta mañá o gran desequilibrio territorial existente no reparto de fondos públicos por parte do equipo de goberno bipartito da Deputación de Lugo. A popular acusou ao presidente, José Ramón Gómez Besteiro, de intentar converter a Deputación nun “instrumento de desequilibro, para facer un Lugo de dúas velocidades”.
O mecanismo predominante na colaboración da administración provincial cos concellos foi a sinatura de convenios excepcionais, non suxeitos a concorrencia, o que permite un trato totalmente desequilibrado no reparto de fondos públicos de todos os lucenses. Besteiro profesa un exercicio do poder manifestamente arbitrario e dirixido a “intentar consolidarse no sillón, facendo do excepcional o normal, e estudando a repartición de diñeiro en base aos seus propios intereses partidistas”.
Ante esta actuación da Deputación, a popular resalta que “por sorte, e grazas ao traballo constante e ao esforzo dos alcaldes dos municipios castigados pola administración provincial, non se deu un Lugo de dúas velocidades. As institucións locais, pese aos escasos fondos, conseguiron garantir os servizos”.
A maiores, este trato a favor está a provocar situacións tan insólitas como que concellos da provincia realicen achegas económicas á Deputación, en concepto de pagos de impostos e taxas, que superan a contía concedida ao municipio por parte da administración provincial.
Desequilibrio territorial
O estudo da listaxe de convenios excepcionais aprobados en Xuntas de Goberno na actual lexislatura mostra datos reveladores da falta de equidade na colaboración da Deputación cos concellos da provincia. Máis do 93% dos fondos repartíronse entre municipios da mesma cor política do goberno provincial (PSOE e BNG), en torno a 11 millóns de euros.
Pola contra, preto do 60% dos concellos da provincia (un total de 40) non recibiron neste última lexislatura colaboración da Deputación de Lugo a través de convenios excepcionais aprobados en Xuntas de Goberno. Agás nun dos casos, estes municipios excluídos das axudas provinciais excepcionais, están gobernados polo Partido Popular.
Esta situación provoca que o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro cree, na súa acción de goberno, cidadáns de primeira e de segunda categoría e se esqueza de máis do 40% da poboación lucense, que reside nestes municipios; que só reciben (ademais de subvencións culturais e deportivas) as achegas dun moi escaso Plan de Obras e Servizos (o único para concellos nos que se garante a concorrencia).
Moción
Candia demanda que se garanta a asistencia a todos os municipios da provincia e se evite unha desviación á alza dos fondos recibidos só por un número reducido de municipios. Para a popular é necesario que se restableza un trato equitativo e que máis da metade dos concellos da provincia non se vexan continuamente excluídos da distribución de subvencións excepcionais procedentes de recursos públicos.
En base a estes datos, os populares presentarán unha moción para o seu debate na sesión plenaria de martes, na que solicitan que se deseñe un plan, elaborado en consenso cos municipios, dirixido a compensar a falta de colaboración da Deputación cun amplo número de concellos da provincia; restablecendo, deste xeito, o desequilibro económico no reparto de fondos públicos da administración provincial entre concellos da provincia.