Burela, a 22 de xaneiro de 2014.- O Partido Popular de Burela arrancou hoxe os traballos de precampaña electoral. Anunciouno esta tarde o presidente local e alcalde José María González Barcia.
Nunha rolda de prensa, acompañado polo secretario xeral do PPdeLugo, José Manuel Balseiro, González Barcia presentou ás once persoas que formarán parte dos tres grupos de traballo que se centrarán nas tarefas electorais, de elaboración do programa e da fixación dos actos de precampaña e campaña dos populares bureleses.
O popular manifestou que as persoas que forman parte dos tres grupos de traballo representan aos distintos segmentos da poboación de Burela e contan cunha gran experiencia.
“Estas once persoas representan a variedade da poboación de Burela e das súas inquedanzas”, manifestou Barcia quen revelou que se trata de homes e mulleres, persoas cunha experiencia vital, con traxectoria pasada e presente de goberno municipal, xubilados/as, empregados e desempregados e tamén representantes da xuventude; en definitiva, de persoas con experiencia no asociacionismo e con contacto directo cos problemas da cidadanía.
Os once integrantes do grupo de traballo son: Cristobal Edrosa, Jenaro González, Mary Fraga, José Luis González Arnau, Ana Durán, Manuel Fernández Valle, Jasone Lorenzo, Aitor López Anello, María José García Eiroá, Luis Pedre Díaz e Josefa Lorenzo.
O popular indicou que o PP local ten canteira suficiente para formar grupos de traballo, polo que son estas once persoas como poderían ser outras once, e así sucesivamente.
“Os grupos de traballo deben ter elaborados os seus documentos na primeira semana de marzo; esto permitiranos ter tempo suficiente para explicar o que levamos feito e o que queremos facer no próximo mandato municipal, dado que o PP aspira a gañar as eleccións e gobernar coa maioría suficiente para dar estabilidade ó goberno de Burela, tal e como está acontecendo desde as anteriores eleccións municipais”.- sentenciou.
González Barcia adiantou algunhas cuestións sobre a precampaña e manifestou que na primeira semana de febreiro, seguramente, “teremos unha asemblea de afiliados e simpatizantes, e a partires de aí volveremos a celebrar reunións polos barrios para explicar a nosa mensaxe, o feito, e o que se está a facer, e tamén o que queremos facer no futuro”.
Manifestou o popular que a agrupación local ten un proxecto para Burela que está baseado no feito nestes tres últimos anos e que quere afondar no mesmo.
O presidente local e tamén alcalde finalizou indicando que “mentres outros aínda andan buscando candidato, e iso reflicte o que reflicte, nós comezamos a traballar por e para os veciños e veciñas do noso concello, coa intención de ofrecerlles unha liña de traballo seria e responsable, lonxe de discrepancias, de inestabilidades, e tamén do despilfarro económico e das facturas sen pagar que quedaban nos caixóns”.