Ribadeo, 19 de xaneiro de 2014.- Os deputados mariñáns do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol e Vidal Martínez-Sierra, salientaron hoxe a “lealdade” do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo coa comarca.
De feito, sinalan que o ano que vén de rematar serviu, entre outras novidades, para a reactivar –grazas á mellora da situación económica- “dous proxectos clave” impulsados polo Goberno galego na comarca como son o corredor Celeiro- San Ciprián, ao seu paso polo municipio de Xove (que suporá un investimento global de 54 millóns de euros) e o proxecto de ampliación do Hospital da Costa (coa adxudicación do Plan Director e arquitectónico hoxe en redacción).
Así o explicaron os deputados populares nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá en Ribadeo e na que quixeron facer balance da actividade desenvolvida no Parlamento de Galicia ao longo do 2014, e na que salientaron unha decena de iniciativas, promovidas por estes parlamentarios, en ámbitos tan diversos como a pesca, a sanidade e o emprego.
O mundo do mar foi un dos espazos que maior actividade parlamentaria concentrou no pasado período de sesións, non en van o propio Jose Manuel Balseiro é o voceiro do Grupo Popular nesa área.
Entre as iniciativas de impulso á acción do goberno aprobadas, máis destacables, están as dirixidas a lograr a ampliación da cota da pescada –que se fixo efectiva a finais de 2013-, algo que aconteceu por primeira vez en España e que beneficiou especialmente aos portos de Celeiro e Burela, a promoción dun convenio entre o ISM e o SERGAS, de inminente sinatura tras rematarse a súa redacción e estudo, que permitirá axilizar ao máximo os recoñecementos médicos obrigatorios previos ao embarque, e tres proposicións non de lei máis para buscar a derrogación do principio de estabilidade relativa como clave de reparto das posibilidades de pesca (demanda que lidera Galicia en Europa) outra para a promoción no exterior dos produtos do mar galegos, aproveitando o papel das organizacións de emigrantes e, finalmente, a dirixida a que a Unión Europea recoñecese como flota artesanal e permitira o acceso ás axudas previstas para este segmento de flota ás embarcacións de menos de 15 metros de eslora ou que a súa actividade diaria non exceda de vinte e catro horas.
Outras iniciativas relevantes aprobadas neste ámbito teñen que ver coa reconfiguración dos Grupos de Acción Costeira, conforme as novas directrices dos fondos europeos, para que financien dun xeito preferente aqueles proxectos promovidos directamente ou que redunden en beneficio dos profesionais do mar, tamén coa posta en marcha dun estudo, que sirva para trasladar aos distintos organismos decisorios da Unión Europea, a importancia socioeconómica da pesca da sardiña, ou para a promoción do mexillón galego, que aínda que non se produce na comarca si xera gran actividade de venda.
SANIDADE: NOVO SERVIZO DE ONCOLOXÍA
Tamén un ámbito tan sensible como a sanidade centrou o interese dos deputados populares, neste caso, promotores da iniciativa parlamentaria que, trasladando unha demanda social, estableceu un mandato á Xunta para que adoptara os recursos necesarios para a posta en marcha do servizo de oncoloxía no Hospital da Costa, evitando así o desprazamento obrigado ás cidades da Coruña ou de Lugo dos pacientes con cancro que precisaban de tratamento de quimioterapia.
Os populares viron como esta iniciativa convertíase en realidade no mes de novembro e na pasada semana o SERGAS confirmaba a intención de ampliar a atención desde Burela, chegando a maioría dos tipos de cancro e tres días á semana, tras constatarse o bo funcionamento deste novo servizo.
Os populares tamén se interesaron, neste caso, a través dunha iniciativa parlamentaria pola avaliación que a Xunta fixo do servizo de hospitalización a domicilio, que comezou no seu día como unha experiencia piloto e que xa se ten consolidado e ampliado o seu ámbito de actuación, ata o punto de ter atendido a máis dun centenar de persoas. Tamén preguntaron polos investimentos realizados na mellora do Hospital da Costa, desde que Feijóo é presidente, e que supoñen máis de 2,2 millóns de euros en obras, servizos e novas dotacións tecnolóxicas e pola implantación das retinografías nos centros de saúde de Burela e Viveiro.
EMPREGO
No ámbito laboral, as iniciativas populares máis relevantes tiveron relación coa denuncia efectuada polo Parlamento de Galicia do plan de emprego posto en marcha pola Deputación de Lugo no que, por decisión de PSOE e BNG –grupos políticos no goberno provincial- quedaron fóra todos os concellos da Mariña excepto A Pontenova, unha circunstancia considerada discriminatoria polos populares que demandaron que, como fai a Xunta cos seus plans de emprego, todos os parados teñan igualdade de oportunidades á hora de beneficiarse destas iniciativas laborais financiadas con diñeiro público.
Os populares aseguran que só en 2014 a Xunta de Galicia investiu 710.000 euros en obradoiros de emprego na Mariña, aos que habería que sumar as contratacións do plan de cooperación (87 socorristas, peóns de limpeza viaria e ambientais) dos que se benefician todos os concellos da Mariña lucense sen exclusións.
PSOE E BNG: “FALTA DE SINTONÍA” COA MARIÑA
Aproveitaron tamén desde o PP para reclamar máis traballo aos grupos da oposición, “afastados das necesidades da comarca”, e sinalaron o absurdo que é escoitar que reclamen rebaixas fiscais para facilitar o asentamento de empresas, días despois de que a Xunta non só confirmou que reducirá nun 50% o prezo do solo industrial dispoñible nos parques empresariais da Mariña lucense, competencia da administración autonómica, senón tamén outras iniciativas de impulso como as axudas do IGAPE, os microcréditos a emprendedores ou as rebaixas fiscais impulsadas polo Goberno Feijóo ao longo desta lexislatura, especialmente relevantes, no ámbito dos emprendedores.
Os populares denunciaron tamén “a falta de sintonía” de PSOE e BNG coa Mariña que levaron a non apoiar algunha das iniciativas impulsadas polo PP como, por exemplo, no caso dos socialistas, a dirixida á creación da unidade de oncoloxía e, no caso do BNG, as relativas a un cambio de modelo no reparto das posibilidades de pesca.