Lugo 17 de xaneiro de 2015.- O presidente do Partido Popular na provincia de Lugo, Jose Manuel Barreiro, deu a coñecer hoxe que o actual alcalde de Sarria, Jose Antonio García López, volverá a encabezar a candidatura dos populares neste municipio lucense.
O actual rexedor aspira a revalidar, unha vez máis, a maioría absoluta da que hoxe disfruta tras renovar o respaldo das veciñas e veciños do municipio. Jose Antonio García ten como obxectivo volver a ocupar a Alcaldía, tal e como aconteceu, en dúas ocasións, na actual lexislatura 2011 a 2015 e no período do 2003 a 2007
Natural de Sarria (San Pedro de Froián), José Antonio García é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como avogado. Desde 1999 forma parte da Corporación Municipal e desde 2008 preside o Partido Popular de Sarria. Foi tamén deputado no Parlamento de Galicia, cargo ao que renunciou tras ser investido de novo alcalde.
RESPONSABLE E SERIO
O presidente provincial do PP de Lugo, José Manuel Barreiro puxo en valor a xestión desenvolvida polo actual alcalde e candidato e sinalou que a pesar dun complicado contexto económico e social, por mor da crise, foi posible acadar unha mellora efectiva da vila e da calidade de vida dos veciños, que sempre foron e deben seguir sendo a súa máxima prioridade.
Barreiro sinalou tamén que o candidato acumula unha dilatada experiencia de servizo público e definiu a Jose Antonio García como “un traballador incansable, responsable e serio”. Dixo que os populares tiveron claro que debía repetir porque é “unha persoa entregada ao seu traballo”.
HONESTIDADE E MOITO TRABALLO
Pola súa banda, o alcalde e candidato popular espera obter unha nova mostra de confianza entre en veciños de Sarria para “con honestidade e moito traballo” continuar coa transformación en positivo deste concello lucense. Neste senso lembrou que asume este novo reto “coa mesma ilusión, frescura e ganas de traballar a prol de Sarria que ata o de agora”.
Afirmou José Antonio García que o Partido Popular seguirá ofrecendo un equipo ganador que sabe estar ao carón das necesidades dos seus veciños e actuando cunha xestión próxima, en permanente colaboración e apoio doutras administracións como a Xunta ou o Goberno central que, por exemplo, fan posible que unha obra tran importante como a do remate do corredor con Monforte aglutine o maior esforzo inversor en materia de infraestruturas de Galicia. Dixo tamén que o PP seguirá defendendo e ampliando as obras de encauzamento do Río Sarria.