Partido Popular de Lugo

Barreiro nomea a Ángeles Lenza candidata á alcaldía de Pol

Lugo 16 de xaneiro de 2015.- O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, presentou esta mañá á candidata popular ao Concello de Pol, María Ángeles Lenza López.

Con este nomeamento, o líder dos populares lucenses, demostra a súa aposta polas persoas novas como garantía de futuro e insiste en que “os mozos teñen que ter presenza nas listas para as vindeiras eleccións municipais” que terán lugar no mes de maio.

Natural de Pol, Lenza López, naceu en agosto de 1980. É enxeñeira forestal e dende o ano 2007 está vinculada ao Partido Popular. Conta cunha experiencia política contrastada posto que foi edil no concello polense e foi de número dous na lista nas pasadas eleccións municipais. Dende o 2013, exerce de presidenta e portavoz da formación local.

A elixida alcaldable popular comprometeuse a traballar arreo para recuperar o Goberno municipal e destacou a importancia de todos para o bo funcionamento do partido, apostando pola xuventude,  polo traballo coordinado, polos máis maiores, polos de mediana idade… en definitiva, unha aposta por tódalas idades.

BIOGRAFÍA E TRAXECTORIA DA CANDIDATA

Natural de Pol, María Ángeles Lenza naceu o 8 de agosto de 1980. Está solteira e non ten fillos. Esta enxeñeira forestal, está ligada ao Partido Popular dende o ano 2007 e xa ten unha ampla experiencia política posto que foi edil no Concello, foi de número dous nas listas nos pasados comicios electorais e actualmente exerce de presidenta e portavoz do PP de Pol.