Partido Popular de Lugo

José Ulla, reelixido candidato á alcaldía de Begonte

Lugo 15 de xaneiro de 2015.-José Ulla Rocha, actual rexedor do Concello de Begonte, volverá a ser o candidato popular de cara ás eleccións municipais. Así o anunciou esta mañá, o presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro.

Barreiro resaltou o gran traballo de José Ulla ao longo destes anos e  defendeu a súa candidatura á reelección para seguir cos proxectos iniciados e para que sirva de respaldo veciñal a unha xestión en total coordinación coa Xunta de Galicia que ten efectuado un importante esforzo inversor e actuado con lealdade con Begonte e cos seus veciños.

Nado en Begonte o 12 de xuño de 1970 e licenciado en veterinaria, José Ulla compaxina a súa profesión coa tarefa de rexedor. Como experiencia política destacan os oito anos como tenente de alcalde no Goberno de Pena Rábade, os catro anos como voceiro na oposición en dito concello e, dende 2011, ata a actualidade, como rexedor do municipio.

EFICACIA, AFORRO DA CONTENCIÓN DE GASTO E INVESTIMENTO EN OBRAS, EIXO DA POLÍTICA DO PP DE BEGONTE

O reelixido alcaldable popular salientou a eficacia, o aforro a contención de gasto e o investimento en obras no municipio por parte do seu Goberno.

Neste senso, José Ulla, resaltou a construción de beirarrúas na N-VI, que unen o núcleo de Begonte co polígono da mesma localidade; unhas obras levadas a cabo gracias ao compromiso do Executivo Galego, quen xunto coa aportación municipal fixeron realidade uns traballos que tiveron un importe de 150 mil euros.

O candidato popular tamén resaltou a posta en marcha de dous obradoiros de emprego que xunto a achega da Xunta de Galicia fixeron  posible o peche do pavillón, o cambio da cuberta e a construción de vestiarios cun investimento de 120.000 euros.

Ulla resaltou tamén a construción e a rehabilitación de locais sociais en distintas parroquias do municipio e salientou que ano tras ano “incrementamos o orzamento  para servizos sociais e programas relacionados co benestar e a calidade de vida dos nosos maiores”.

O popular concluíu afirmando que o nivel de servizos é moi alto e a rede de abastecemento está completa e chega a tódalas parroquias; asemade explicou que o seu Goberno seguirá na liña de impulsar o saneamento ao resto das parroquias. Lembrou que hai 9 depuradoras, polo que estender o servizo ao resto é o obxectivo.