O voceiro do Partido Popular da Fonsagrada, Tobías Martínez, criticou esta mañá a escasa relevancia do investimento público que se contempla nos orzamentos municipais aprobados recentemente polo equipo de goberno para o ano 2015.
O popular lamenta que as contas aprobadas polo alcalde socialista, Argelio Fernández, unha vez descontado o capítulo de persoal, repercutan maioritariamente fóra do Concello ou se dirixan a cubrir gastos de servizos ofertados por un número limitado de empresas.
Tobías Martínez definiu aos orzamentos de 2015 como “máis do mesmo, practicamente unha copia dos anteriores, nos que se fan cadran as contas sen valorar o investimento público”.
Para os populares, a través destes orzamentos deberíase tratar de incentivar aos emprendedores e pequenas empresas locais; co obxecto de que podan competir contra as empresas e distribuidoras foráneas.
A maiores, o voceiro dos populares tamén lamenta que nas contas do 2015 non se potencie o sector estratéxico do concello, o gandeiro; e se limiten, polo tanto, estas fondos, simplemente a facer “chapuzas e paredes”.
Desta forma, o deseño dos orzamentos, segundo puxo de manifesto Tobías Martínez, está preparado e adecuado para a consecución de votos; polo que o popular define estas contas como de “toda unha máquina electoral”.
Por outra parte, o voceiro do Partido Popular da Fonsagrada tamén quixo criticar a falta de interese do equipo de goberno local para conseguir optimizar os orzamentos públicos. A oferta de servizos, como son o eléctrico ou o de seguros, entre outros, repártese entre un número contado de empresas, establecidas, segundo Tobías Martínez, de tal forma que predomina a pasividade á hora de pedir novas ofertas para realizar comparativas tanto económicas, como de calidade e na prestación dun servizo.