O Partido Popular de Mondoñedo rexistrou esta mañá un escrito dirixido ao alcalde da localidade, o nacionalista Orlando González, no que solicita acceso ao informe no que se ampara o equipo de goberno local cando é preguntado pola dispoñibilidade dos terreos nos que se desenvolve o proxecto de Vilar.
Os populares explican que pediron en pleno que se clarificara o futuro deste proxecto ao terse en conta que o prazo de cesión por parte da familia dona destes terreos (de non estar habilitadas as instalacións para actividades turísticas complementarias de carácter rural) rematou en novembro de 2013, é dicir, aos dez anos dende a data da súa sinatura. O incumprimento deste prazo implicaría a reversión aos cedentes.
Dende o Partido Popular, que manifestaron en varias ocasións a súa preocupación ante a falta de claridade de nacionalistas e socialistas, queren coñecer o contido deste informe e desvelar deste xeito a realidade que se agocha detrás deste proxecto; e, polo tanto, se o Concello dispón destes terreos.
O PP preocupado por un posible investimento público sen ter acreditada a dispoñibilidade dos terreos
Aos populares a día de hoxe non lles queda clarificada a dispoñibilidade dos terreos. Advertiron en varias ocasións desta preocupante situación xa que de non existir un novo documento que prorrogue ou reflicta un novo prazo; estaríase ante un investimento de diñeiro público sen ter garantía de dispoñer dos terreos.
É dicir, dende o Partido Popular explican que poderían chegar a existir irregularidades na última subvención concedida por importe de 163.138,65 euros para a posta en valor do Centro da Prehistoria, toda vez que se executarían as obras con cargo a esta achega cando non se tiña acreditada a dispoñibilidade de terreos e tendo en conta que a subvención implicaba a execución de obras e no replanteo previo dicían que debe conlevar a certificación da dispoñibilidade de terreos.
Reparo de Secretaria ao pago de facturas con cargo a esta subvención
A maiores os populares lembran que o que si está comprobado polo grupo municipal popular e que Secretaría reparou o pago de facturas nesta subvención. En certificado de data de 13 de xuño do 2014, advirte da desconformidade con estes pagos por entender que diversos gastos da actividade subvencionada foron articulados como contratos menores e, ao seu xuízo, deberían ser tramitados como un único expediente ao tratarse de prestacións que consideradas conxuntamente forman unha unidade funcional.
O Partido Popular de Mondoñedo lembrou que este reparo foi levantado unilateralmente por decreto de alcalde, que asina soamente Orlando González.