O Grupo Provincial do Partido Popular pregúntase onde está o investimento que o deputado responsable de Vías e Obras, Manuel Martínez, anunciou esta mañá que dirixira á mellora de estradas de titularidade provincial, xa que, segundo matizan os populares, a rede viaria da Deputación de Lugo atópase no peor estado dos que estivo dende a historia da institución lucense.
Para os populares é inexplicable que, de ser certo o investimento de case 70 millóns de euros en mellorar 1.000 quilómetros de estradas provinciais, as infraestruturas viarias presenten o indiscutible mal estado no que se atopan na gran maioría dos concellos de Lugo.
Así, ante as informacións e os datos anunciados esta mañá por Manuel Martínez, dende o GPP consideran necesario pedirlle responsabilidades xa que pese a que asegurou dispoñer dunha importante contía económica para infraestruturas; este diñeiro non se reflicte no bo estado e mantemento da rede viaria provincial.
Deste xeito, os populares manifestan a súa preocupación ao respecto e aseguran que calquera lucense pode apreciar que 70 millóns de euros son suficientes para acometer actuacións que manteñan en mellor estado as estradas da Deputación do que realmente están, dado que, segundo explican dende o GPP, nunca estiveron tan mal.
A falta de conservación e mantemento nas vías da Deputación non o di só o Grupo Popular, senón que o reivindican os veciños; aos que os populares invitan a que fagan unha revisión do estado que presenta a rede viaria para comprobar se lles parece crible a situación na que atopa pese ao investimento tan forte que din ter levado a cabo.
Neste senso, os populares ademais de polo destino do diñeiro e de pedirlle responsabilidades, tamén lle preguntan a Manuel Martínez se na contía do investimento anunciada esta mañá tamén suma a levada a cabo en obras que están a ser investigadas por presunta comisión de irregularidades, como é o caso da estrada de Portomarín do Alto do Valiño a Valdeporrás.
Por último, as informacións do deputado socialista veñen a comprobar exactamente a circunstancia denunciada polos populares en reiteradas ocasións: o mal estado da rede viaria provincial non é debido á falta de orzamento, senón a unha mala xestión do diñeiro de todos os lucenses.