Lugo 30 de decembro de 2014.- A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, definiu esta mañá o Plan Estratéxico de Subvencións (PES) da administración lucense como “un pacto económico para que un perdedor das eleccións –Besteiro- aguante no sillón e un partido residual (BNG) poda dispoñer de fondos públicos para financiar aos amigos”.
Así, a voceira que considera “moi mellorable este plan” asegurou que esta proposta “non é a que necesitan os veciños, probablemente sexa o documento que lle faga falta aos socialistas para ter o poder”.
Prioridade na Área de Presidencia e reparto partidista
Candia analizou o reparto por áreas e manifestouse crítica en que a Área de Presidencia reciba unha contía parella á Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, sendo esta a principal competencia das Deputacións Provinciais de Lugo. De aí, que a voceira popular se referira ao PES como un plan ao servizo de intereses políticos.
A maiores, a popular lamentou que os fondos de todos os lucenses se dirixan só a uns poucos. Tanto é así que, do total repartido en subvencións nominativas, o 84% dirixese a concellos do PSOE e do BNG, e só o 15% ao do PP.
De igual maneira os procesos de concesión a seguir reflexan a falta de transparencia e de igualdade de oportunidades. O 34% das axudas son concedidas por un procedemento directo, ao que a popular cualificou de dixital. Mentres, só nun 11% está garantida a concorrencia competitiva.
Candia tamén criticou a falta de claridade, tanto é así que no 44% das subvencións nin tan sequera se establece o procedemento a través do que se concederán as axudas. Candia asegurou que se está ante un caixón de sastre no que non se garante a igualdade, nin a transparencia, nin a obxectividade.