Partido Popular de Lugo

O GPP lamenta que o PSOE e BNG na Deputación pase o rodillo ás iniciativas populares sen tan sequera estudalas

Lugo, 30 de decembro de 2014.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, lamentou hoxe que o PSOE e o BNG na administración lucense se dedicase unha vez máis a pasar o rodillo ás iniciativas do PP sen tan sequera estudalas.

A voceira popular asegurou que as propostas do Partido Popular sobre a exención de taxas en servizos básicos  ou o desenvolvemento da Fundación TIC tiñan un afán construtivo co obxecto de levar a cabo actuacións que repercutirán no ben dos Concellos, da provincia e dos lucenses.

Polo tanto, Candia asegura que tanto a boa accesibilidade como a boa disposición que intentan amosar tanto nacionalistas como socialistas se limitan só a facer política. 

Non é entendible, segundo matizou a popular, que os socialistas na Deputación só propoñan suprimir ou reducir o pago de taxas cando compete a administracións nas que non gobernan; mentres desbota unha iniciativa para que se eliminen as taxas que pagan os Concellos por obras que afectan a estradas provinciais cando se tratan de actuacións sobre servizos básicos.

A voceira dos populares entende que a imposición destas taxas supoñen, en ocasións, unha carga económica excesiva cando a asistencia das deputacións aos concellos debe dirixirse preferentemente ao establecemento e adecuada prestación dos servizos mínimos.

En canto á iniciativa sobre a Fundación TIC, Candia explicou que tiña un afán construtivo, recoñecendo a valía dos seus traballadores e intentando impulsar novas actividades. A popular acusou ao voceiro socialista, Manuel Martínez, de descoñecer cal é o verdadeiro traballo da Fundación e considerou necesario que as propostas sobre ofertas de novas actividades nos colexios, cursos de formación sobre fotografía e vídeo ou actividades para impulsar o turismo provincial saian adiante.